IMG_2935
Comentei nunha entrada anterior que alguén roubara a Pedra da Pena. Roubada non está pero esquecida e perdida posiblemente. Hai que dicir que a labor de coidado do monte que está embaixo deste monumento natural é excelente. Piñeiros, carballos e carballos americanos dominan o limpo monte que preside esta lendaria pedra.
Está perdida porque se perden as lendas sobre ela, case ninguén sabe chegar e a vía rápida impídelle dominar vizosa os montes que caen sobre a parroquia de Coiro, en Cangas.
A Pedra da Pena está situada no monte ao que da nome. Sitúase xusto entre Moaña e Cangas, moi perto do camiño principal que une San Cosme con Monte Aberto.
Moitas lendas hai sobre esta pedra nas que soen haber feitizos, namorados e mouros.
Case calquera monte galego ten lendas deste tipo, sobre todo están referidas curutos onde soen estar os misteriorsos castros, petroglifos, mámoas e furados feitos pola erosión.
O mouro é unha representación da prohibición do labrego a ascender de clase social xa que todo tipo de aspiracións a acadar o ouro (dos mouros) ou ás mouras pasaban por feitizos e meigallos, eran pura fantasía inalcanzable. Cada conto de mouros, un pobo que nunca habitou, por suposto, os castros, é un recordatorio do férreo cerramento da estrutura social feudal e os perigos sobrenaturais que corre quen tente ir contra del. Cada conto de Mouros remata nun castigo eterno ao que ousa aspirar a algo máis. Se esas pedras nos recordan que fomos un pobo bravo que se defendía dos ataques nunha sociedade pobre pero máis ou menos igualitaria, as lendas constrúen un imperceptible medo contra calquera arrouto de bravuconería.

Advertisements