A partir dos 90 o muro de Berlín permitiu que o capitalismo se liberar do modelo oposto que o criticaba e esquecerse así do Estado de Benestar. A falta de ameazas externas fai que o capitalismo se adique só ás internas, a que a xente pense. A cultura limitaba a posibilidade de que o consumismo fose o fin único e último do cidadán/consumidor xa que definía outros fins, fidelidades e prioridades na traxectoria vital. O traballo deixa de ter que ser dignificante, creativo ou prestixioso e só é un medio para acceder á riqueza e soñar con ser un destacado ídolo do consumismo. A cultura orixinaria elimínase con dúas operacións básicias. Elimínase todo o que contradice ao sistema e cámbiase de significado cando é aproveitabl. Os elementos culturais útiles perviven, os que non vense ridículos, retrógados e vergoñentos.
Como consumidor débese ser esixente e como traballador sumiso, agradecido para un mundo de escaseza e inestabilidade laboral pero exceso e hipercontrol do produto. Para un é preciso abundancia (consumo) e para outro escaseza (traballo) creando sensación de benestar mantendo a opresión social. Namentres os funcionarios, como especies aparte do cidadán común, seguiron a mellorar as súas condicións convencéndonos así cada vez máis de que a gran e única utopía era deixar de pensar, preparar oposicións, ser cuadriculado e chegar a funcionario. Ser funcionario é simbólicamente o abandono de aspirar á creatividade e realización mediante o traballo, converter o traballo nun non-problema para así adicar os esforzos ao realmente importante: o consumo.
Os funcionarios convértense nunha caste aillada da realidade cunhas preocupacións distintas á xente real que así cada vez se parecen e coiniciden máis coas dos políticos. Algún día só os funcionarios se afiliarán ou votarán porque serán os únicos que crerán que ten senso participar nun sistema deshumanizadamente consumista.
Os nosos soños xa non nos deixan espazo a imaxinar un sistema diferente. Por moitos desaxustes que teña este sistema non atoparemos unha resposta alternativa nos medios, a educación ou os cauces de coñecemento convencionais. O coñecemento regrado evita ofrecer alternativas, non fomenta a imaxinación, a creatividade, a crítica, a filosofía, a ética… son asignaturas a eliminar fronte ao inglés, o marketing e a informática. Son ferramentas de amoldamento cultural que substitúen ás do pensamento.
A evolución ha estar no coñecemento. O coñecemento non debe medir o real senón imaxinar o posible, crealo e recrealo. O coñecemento sen creatividade só serve é un modo de lexitimación do convencional. A definitiva definición de evolución só provirá dunha ciencia diferente na que a crítica ao réxime científico establecido choque coas súas contradicións, unha revolución científica ao xeito de Khun en que se reintreprete o coñecemento pretérito baixo o prismo dos intereses aos que servía.

Advertisements