cova no monte castelo

Na parroquia de Darbo, cerca de Monte Carrasco hai unha pequena pero escarpada montaña que se chama Monte Castelo. Todos en Cangas saben das múltiples covas que se poden atopar ao arredor deste monte aínda que non son moitos os que investigaron. Son estreitas, escuras e húmidas e, sobre todo, os vellos contas historias sobre perigos e mortos para que ós nenos non se deixen levar pola curiosidade. Falan de buracos invisibles, persoas perdidas, mortas ou desaparecidas, serpes, morcegos ou reptís.
Segundo a xente de Darbo estas covas eran unha forma de protexerse xa que permitían escapar porque estaban unidas, a varios quilómetros, cunhas grutas que dan ao mar e están nun lugar coñecido como “As furnas”. Na actualidade este lugar pódese ver e está delicadamente protexido para velo dende o sendeiro que vai de Area Milla a Liméns.
Monte Castelo ten unha altura máxima de 210 metros pero domina perfectamenta a costa de Cangas, tanto da ría de Vigo como de Pontevedra e foi o asentamento, segundo contan, dun castelo que foi destruído no século XV na revolta irmandiña. Na foto vese unha das covas, agora tapada, ao pé do monte castelo.
vista dende monte castelo
Na actualidade séguense a contar historias sobre mouros e tesouros. Os buracos causadas pola auga e erosión forman bañeiras que inspiran contos sobre mouros.
Os mouros apenas estiveron en Galicia e dende logo nos castros e outeiros galegos, onde se localizan a maioría das súas historias. O mouro é un ser mítico que representa que só mediante feitizos, acordos co demo e rachando as reglas básicas das relacións sociais, unha persoa de clase baixa chegará a unha vida de riqueza e luxos. Calquera que subverta a orde tentando estará en grave perigo e será acusable de bruxería.
A lenda non é só un entretemento senón que mitifica uns valores sociais que ensinan de forma máis ou menos consciente os perigos de subvertir as normas sociais. Os outeiros espertan a curiosidade polo descoñecemento, nunha sociedade pacífica, das razón para vivir en tan abruptos asentamentos. A entrada a tan misteriosos lugares fréase reproducindo prohibicións que xa son familiares para os que as oen porque teñen exactamente a mesma lóxica que a estrutura social en que conviven, se non xamais lles resultarían cribles.

Advertisements