Praia de Francón: posta de sol
En Cangas o tempo marca cada segundo que pasa cando te sentas no chiringo da Praia de Francón. Mes de setembro, día caluroso, 8 da tarde e unha cervexa na mesa. Non sei de ningún outro lugar que se asemelle máis ao paraíso. No mes en que a ocupación da praia baixa e os díasvanse acurtando, sorprende a agradable temperatura da auga. A sempre calma ría de Aldán, só alterada en ocasións polo fresco aire do norte, regálanos dende Francon unha das postas de Sol máis espectaculares que coñezo. Moitos baños, horas de lectura ou charlas que animadas pola relativa privacidade deste areeiro van minando as forzas e deixando corpo e mente, a última hora, nun estado de somnolencia que anima a deixarse hipnotizar polo sol que busca agacharse xunto ás costas que rodean Punta Couso.

Levo anos sendo todos os veráns asistindo, como mínimo unha vez á semán, a este espectáculo natural que eu cría inigualable. Sen embargo, a finais de Agosto pasei un fin de semán en Castro Baroña, no concello de Porto do Son, atopándome coa deliciosa sorpresa de poder observar un espectáculo perfectamente comparable ao da canguesa praia de Francón. Trátase dun estilo diferente, menos íntimo e recollido, máis grandioso e espectacular pero atrae todos os días a ducias de deleitados observadores da doce morte dun longo día de verán.
Castro Baroña: posta de sol

Advertisements