AgoeiraMoi pronto comezareivos a contar a historia do afundimento do Tito, vivida e contada polo meu avó, que estivo entre os mariñeiros que arriscaron a vida por tentar salvar a dos tripulantes do Tito. Por agora un adianto, un comentario atopado no libro Faros de Galicia, da Editorial Xerais onde se describe un pouco a zona e a súa historia.
“A Baliza do Boeiro ou Agoeiro ou A Agoeira levántase sobre o sinistro illote pedregoso coñecido por ese nome que nos recorda aquelo de agoieiro. Atópase nos arredores da illa de San Martiño, testemuña muda de numerosos naufraxios.
Xa no ano 1880 o Derroteiro sinalaba a necesidade de balízalo polo seu emprazamento perigoso e os continuos accidentes que se producían nestas rochas, situadas na ruta que tanto os pesqueiros como os mercante e transatlánticos teñen na súas derrotas cara ó concorrido porto de Vigo.
Sobre a pedra espida que conforma o illote construíuse unha torre troncocónica de pedra de 6,5 metros de altura. De tódalas formas este escollo, aínda sinalizado, segue dando que falar ós mariñeiros que o teñen referendado como moi perigoso.
Precisamente sobre esas mesmas pedras viviron unha tráxica odisea, na noite do 27 de decembro do ano 1948, os 35 membros da tripulación do pesqueiro Tito que, despois de chocar contra os perigosos baixíos que rodean o illote refuxiáronse nel, tendo que loitar co enfurecido mar que tentaba en cada momento arrebatalos da súa inhóspita posición…”

Advertisements