Miña abuela Natalia tivo unha vida como as de antes: de traballar, sufrir e sacar adiante a prole nun mundo duro que desagradecido.
Era filla de pai emigrado e desparecido entre Galicia e Cuba. Embarcara cara outro lado do atlántico por segunda vez, de onde volvera máis pobre do que foi. Xa saíu desta volta enfermo esperando que os aires cálidos caribeños axuden á súa mellora. Esta desgraciada desaparición marca a vida dunha familia pobre labrega dunha aldea pegada á florecente vila mariñeira Canguesa. Xa de raparija ten que servir nas casas para axudar a que non os coma a fame. Cando casa, herdan poucas terras na aldea de Parada, que aínda estando lonxe de Cangas é unha zona fértil onde se dá ben o millo, o centeo e as hortas pero os terreos están moi repartidos e ninguén ten máis dunha vaca, un carro e unhas galiñas, só o xusto pa ir tirando, así que miran pa o mar, que é onde estaba a riqueza daquela.
O esforzo dun aprendiz de carpinteiro, que sería seu home, e a axuda de familiares fai que constrúan unha modestísima casa que aínda hoxe en día, completamente reformada, é ocupada por un neto e crece bizoso un bisneto.
A hora de camiño que leva chegar a Cangas é percorrido diariamente para vender riquezas da horta ou ir traballar á conserveira de Massó. Centos de mulleres traballaban xa na primeira metade do século mentres alimentaban á familia, tiñan conta dos críos e atendían unha casa. As redeiras, peixeiras, das conserveiras, mariscadoras… foron as mulleres de Cangas eran obreiras e loitadoras e aínda que escravas da vida, sempre ceivas e loitadoras de alma.
Cúbrense así as necesidades familiares polo escaso éxito de Jesús como carpinteiro xunto coa súa pouca habiliá pa aforrar e investir, que o levarían finalmente a traballar nunha fábrica conserveira. O xenio dun home que só a quería para el na casa fai que abandone a fábrica en canto a economía familiar o permite.
O marido xubílase prematuramente tras un accidente de traballo ao estoupar unha caldeira que deixa as que foran habilidosas mans de carpinteiro case inservibles para o traballo debido a unhas importantes queimaduras. O resto da vida de Jesús é mal humor, bar, ducados e augardente. O amargor descárgase a miudo con mal humor aínda que un día dicidíu quedar calado, e calou durante anos.
Ela saca adiante catro fillos que casan e viven por toda a parroquia e a visitan todos os domingos. Todos viven xa en relación ao mar aínda que as galiñas e lejóns seguen presentes nas vidas de todos. As festas de San Salvador enchen a casa de ruidosos netos, e algúns deles xa viven lonxe de porcos, burros e ouvellas así que cada visita na infancia é unha gran aventura cos seus primos de Parada que lles ensinan os segredos, os nomes, as prantas, o alcumes, os conflitos herdados entre veciños… Entre leiras, carballos e castiñeiros constrúense casiñas, tíranse pedras, róubase froita ou maltrátanse bichos.
Mentras os vellos puideron non faltou o viño da casa, o augardente, as a carne criada na casa e todo tipo de verduras e froitos. As sabroisísimas peras, e as xugosas claudias facian a ledicia de toda aquela troula de nenos que nunca deixaron botar a sesta como dios manda. Era mellor telos facendo troulerías polo monte que facendo ruído na casa.
Son de especial celebración as alegres xornadas en que toda a familia axudaba a botar e recoller as patacas, a vendimar, a sacar o millo ou debullalo, as hervillas, ver pasar o porco como un tolo cando lle abrían o cortello… Nestas xornadas cantureiras non paraba o rebumbio ata que caía a noite e os rapaces estabamos todos negros de andar a rebolos polas leiras.
Natalia era faladeira pero rosmona. Sempre andaba presta a botar bronca pa que os fedellos de Coiro non levasen aos curmás de Cangas a faser falcatruadas polas leiras, que despois non faltaba vesiño que botase en cara a leira que lle pisaron porque escapaba a pelota, as canas das judías que romperon para facer de lanzas ou as uvas que lle joderon.
A case sempre estivo preparada para dar fartura ás visitas. As castañas a asar na cociña de ferro, os ovos con pan de millo e as moreas enormes de patacas fritidas que acompañaban o churrasco do verán eran ledicia de todos os netos, menos entusiasmados co cosido invernal, a non ser polo chouriso. Sempre escapan os nenos á cociña pa coller algo ás agachadas. Ela botaos coa escoba na man poñendo terribles caras de enfado, como se non puxese as lambetadas á vista sabendo quen viña.
Xa nos últimos anos da vida fanlle abandoar a casa para que ningún dos vellos quede só nas longas tempadas que pasan alternativamente no hospital. Un ano despois de morrerlle o home cae ela enferma. Xa só penará seis meses máis vivindo de recordos mentres as pernas non lle responden e a cabeza sepáraa completamente da realidade
Onte morreu con 87 anos coa mesma cara recta e orgullosa que tivo toda a súa vida.

Advertisements