E por fin chegou o esperado momento para a desexada e mil veces falada nocturna ao Paralaia. Os que andaban cansos ou faltos de durmir fixeron un esforzo, aos que lle puxeron mala cara na casa prometeron compensacións, os lesionados tiñamos demasiadas ganas para perdérmolo.
Reunímonos a partir das nove no riló, que aínda estaba cálido, ruidoso, rebosante de xente. O noso plan levábanos a lugares máis frescos, íntimos e apartados: a lugares mellores.

Con só sete namorados da bici éramos quen de compoñer un grupo variopinto dende os que teñen menos de 10 anos a máis de cuarenta, caladiños e faladores, en plena forma e arrastrados, puntuais e tardíos; todos con ganas de redescubrir o noso coñecidísimo Paralaia dándolle un pracer aos sentidos.
Saímos cara a Pedreira e Ameixoda para afrontar as familiares e irregulares costas de sempre. Só tras subir a máis dura, a que te afasta da vía rápida, que te aílla do revunvio do Morrazo veraniego, houbo que pensar en acender algunha luz.

Chegamos a Monte Aberto aínda de día, coa luz baixando e regalando unha vitalista visión da nosa ría de Vigo.

Ra non chega aos dez anos pero síguenos sen dificultades e falando con entusiasmo, con excitación diría eu. Tuchis sempre dándolle os ánimos que non precisa pero agradece dou seu queridísimo tío. Racso adiantándose a facer fotos mentres Besbello amaga con algunha cancionciña das súas. Wally vai recordando aventuras imposibles con Roqueponte de guía e eu disfruto o momento ocultando unha sombra de preocupación polas punzadas de dor ciático.

Subindo cara o Paralaia xa se pecha a noite sobre nós, xa oímos máis, xa observamos con atención as sombras no camiño e somos sorprendidos por zonas areosas ou técnicas que non percorríamos cando sabíamos como subir pola trazada boa.

A parada na cruz do Paralaia dilatouse ao maravillarnos sacando fotos das centelleos lumínicos da hiperhabitada ría. Envoltos dun espectáculo único mentres bromeamos e xa imaxinamos outras rutas nocturnas para o futuro. A temperatura segue a ser ideal e as prendas que levamos os máis precavidos quedarán nas mochilas toda a noite.

O camiño ata Hermelo adéntranos en negrísimos sendeiros ata atopar a recóndita aldea tras unha revolta na pista. Dámonos unha homenaxe cun par de botellas, zumos, empanada e o ambiente festivo das mesas de grupos animados que enchen a de María. Uns 15 homes, posiblemente de idéntica idade, xa están na sesión dos contos e bromean con nós. A luz vaise no bar uns segundos provocando unha escandalosa celebración.

Nós apuramos os nosos vasos que farán que as pernas pesen máis do previsto nas rampas que nos suben ata a cruz de Hermelo.
Unha vez arriba, molestamos á parella nun coche para achegarnos á cruz. Outro lugar que, aínda que coñecido, é motivo de alegría e admiración. Quédanos a empinada e, hoxe lenta, baixada ata San Cosme.

As peores ideas impóñense e subimos polo punto limpo para vislumbrar tamén as luces das rías de Pontevedra e Aldán. O camiño está moito máis cheo de escombro do que recordaba e a baixada, xa no lado da Magdalena, ten moitas pedras e, despois, ramas por todos lados. Chegouse ao instituto de Montecarrasco despois de sacar polas dos radios sen máis consecuencias mecánicas, gracias á marcha lenta.
Pero aínda non nos chegou por esta noite e enfilamos cara o Pondal para a continuación baixar a Santa Marta. Rodamos con calma polo senderiño que nos levará a Area Milla. O túnel superiluminado é un descobremento sorprendente e seguimos ata Cangas sen perdoarlle un só rodeo polas caliñas e naves de Massó.

Cando chegamos a Cangas xa pasan das dúas da mañán e xa levamos tempo falando do último refrixerio no Ambigú. Tras algunha indecisión e amago de abandonarnos acabamos indo todos ao mencionado bar. Atopamos caras coñecidas, bo ambiente, non demasiado escándalo, é ideal. Aquarius, cervexas e ata un cubata para o final de ruta. Reímonos, compartimos sensacións e imos para casa coa sensación de ter outra gran ruta a compartir. Levounos máis de 4 horas para case 30 quilómetros que nos encheron, fixéronos descubrir e compartir unha experiencia intensa e revitalizante.
Quen se ven á próxima?

Advertisements