Cortegada achégate esa maxia que ten o río Miño e que nos atrae a todos os galegos. Esa arteria galega percorre máis de 300 quilómetros recollendo auga dende as aldeas máis recónditas de Lugo, formando os impresionantes canóns de Ourense e chegando ata os prácidos xardíns de Pontevedra. O Miño transmite vida, historia e sabiduría. Os pobos das súas beiras viven ao ritmo do río e nós imos descubrilo.

No seu percorrido, o Miño crea algunhas das paisaxes acuáticas máis espectaculares do país brillando, como poucas, a zona do Ribeiro. A unión do Miño e o Avia dará paso, máis abaixo, a un tramo sombrío con canóns angostos onde se alternan fértiles fragas e vides para elaborar o máis doce Ribeiro.

O concello máis meridional do Ribeiro é Cortegada, último concello de Ourense segundo se baixa polo río. Aquí as bodegas emerxen entre bosques impenetrables e un belo balneario que é punto de saída de sendas fluviais e da nosa ruta en bicicleta de montaña. Calquera é boa época para compartir con alguén a exuberante ruta que vos propoño. No verán disfrútase dunha ruta sombría e húmida, as alfombras de follas no inverno ou a exhuberancia primaveral. No outono deslumbran as inesquecibles estampas das agonizantes follas amarelas e marróns de árbores e vides que se ven reflexadas no ancho e agarimoso río.
A ruta que vos propoño non chega aos 25 quilómetros, pero non vos confiedes porque ten tramos de subida realmente duros.
A 15 minutos de A Cañiza ou de Salvaterra de Miño temos o concello de Cortegada, non moi poboado nin coñecido pero agacha unha xoia, unha ruta para bicicleta de montaña con beleza excepcional.

Pártese do Balneario, edificio modernista que data do 1937 e ao que quizais nos interese facer unha visita máis adiante. Sáese en sentido contrario á corrente para ir percorrendo un espectacular carreiro pegado ao río, que imos observando á nosa esquerda, sempre a escasos metros: así que ollo ao chan esbaradío! O impresionante carreiro entre árbores de ribeira vai por unha alfombra de follas onde os afeccionados aos cogumelos recoñecerán algún dos hongos comestibles máis deliciosos, que se agachan mimetizados coas cores do outono.

Séguese pola senda de pescadores durante 3 apacibles quilómetros para fotografar o outono desbordando orixinalidade. A continuación súbese por unha forte pendente seguindo os sinais da ruta de senderismo. Tras 300 metros ascendendo xírase á esquerda, abandonando xa os sinais da ruta, para seguir subindo por pista máis ancha e suave entre os piñeiros. O seguinte quilómetro é llano e van abríndose as vistas de novo ao río, nunha zona máis aberta dende a que se ve a nova ponte da estrada que conduce a A Cañiza, a só uns 15 minutos grazas á súa ampliación recente.
Unha corta baixada permite acercarse de novo ao río entre Castiñeiros, Carballos, Bidueiros, Ameneiros e Salgueiros. Serán corredoiras encantadoras que continúan paralelos ao Miño, aínda que só se intúe tras o frondoso bosque.

Aos 7 quilómetros afróntase unha subida dura que nos introduce a un novo mundo máis soleado, moldeado en terrazas polo home, con cepas, casas de pedra, hórreos, e leiras en aldeas pequenas e cheas de vida. Un quilómetro de subida dura condúcenos a Meréns, onde podemos parar a descansar bebendo da súa saborosa fonte antes de enfrontarnos coas rampas máis duras da xornada. En Meréns está o Pazo do Conde de Sarmiento e o escudo de Meréns, o escudo heráldico máis grande de Galicia, con 18 cuarteis rematados por unha coroa condal.

Abandónase Meréns poñéndonos a proba en terribles rampas por pista de hormigón para escalar entre vides de douradas uvas. As variedades de Mencía, Torrontes, Godello, Ferrón, Caíño, Loureira, Albariño ou Treixadura están presentes nas empinadas terrazas que se distribúen nas ladeiras máis soleadas. En metade da costa, hai que parar, xirarse e ver o Miño retorcéndose aos nosos pes para formar ondulantes meandros en vales fondos que o sol apenas consigue quentar nos día curtos de inverno. Os seguintes 3 quilómetros seguen ascendendo por pista ancha aínda que as fragas volven a pecharse aos lados e por riba do camiño. Ademais de ser unha excelente terra de setas atoparemos algunha sorpresa botánica como os abundantes madroños cos seus curiosos froitos vermellos. A parte máis alta do percorrido devólvenos a un terreo que alterna Piñeiros e Carballos ata baixar á aldea de Louredo, escondida nun rico val alongado. Nesta aldea saúdannos castiñeiros centenarios, eiras de hórreos e antigos camiños empedrados que dan idea da súa antigüidade. Outro elemento de interese será o peto de ánimas de Louredo.

Chegando a Louredo, apenas teremos traspasado o ecuador do noso percorrido pero o resto da ruta resultará bastante máis doada, discorrendo entre piñeiros por anchas pistas, case sempre en baixada e sen dificultades técnicas. A tres quilómetros do final agasallámonos cunhas últimas vistas do río ata baixar en por unha pista vertixinoso nos devolve a Cortegada e ao balneario, na Beira do Miño.
Xa suporedes que recomendo rematar o día probando algún delicioso Ribeiro da zona e relaxándose no balneario. Tanto as augas como os viños doces e afroitados serán dun interese medicinal indudable para o visitante.
Se queredes facer a ruta, podedes descargala para GPS ou extraer mapas no seguinte enlace:

Técnicamente a rutal é fácil. O nivel físico é bastante esixente. A pesar de que conta con moitas zonas llanas, hai tamén costas con desniveis importantes.

Advertisements