Sempre foi a reina dunha familia de mariñeiros que sacou adiante ao tempo que vendía o peixe que Rufino pescaba na ría a bordo da súa gamela. Camiñaba quilómetros con cestas de sardiñas na cabeza para vendelas mellor e sacrificando así a súa saúde para que unha familia moi modesta, que comezou vivindo en casas de prestado, acabase tendo unha prole boa, traballadora e estudiada.
Tan compenetrada estivo toda a vida con Rufino que a ela foille fallando o corpo ao mesmo tempo que el foi perdendo a cabeza, a ela traizoáballe a vista mentres Rufino perdeu o oído, el fala cando hai rebumbio no comedor mentres ela prefería as conversas íntimas e tranquilas na cociña: non sei que será de Rufino sen a Trubisca. Podías vela sempre inclinada e renqueante por culpa dunha columna que tantos disgustos lle deu. Aínda así seguiu indo á veiga ou a coidar das galiñas arrastrándose con axuda dunhas muletas ata que non se puido levantar dunha silla. Desbullar o millo, apañar patacas ou a facer o viño eran festas en que toda a familia traballaba alegre ao ritmo que marcaba María aínda que fose Rufino o que berraba e alegraba con historias e chistes.
Faladeira e roxa como todos os trubiscos, con ese pelo rubio rizado e os coloretes da cara esblancuxada que fan inconfundibles aos trubiscos por todo Cangas. De extraordinaria beleza caduca e xesto garimoso, foise o sol que alumeaba todo o Espíritu Santo e Gruncheiras. Era unha abueliña modelo, das que atendían todos os caprichos dos netiños, que sempre querían quedar a pasar o fin de semán na súa casa, sempre coidada por algún can grande e manso.
A artite xa a tiña dende fai un par de anos sen poder camiñar pero mantiña a mesma lucidez que fai 20 anos; e finou hoxe, finalmente chegoulle o descanso.

Advertisements