Fun a un concerto de jazz. Non son nada refinado en música, a miña capacidade de creación ou reprodución harmonizada nunca existiu, o meu coñecemento de variedade musical resulta bastante escasa e o meu oído un desastre.
Supoñíase que era música complexa e de gran calidade pero eu, e moitos outros, disfrutámolo moito sen cultura ningunha. Tiña a sensación de que lía a miña primeira novela sen ilustracións, polo de que ninguén cantaba. Recordaba cando, de pequeno, comecei a ler e os libros viñan con ilustracións cada poucas páxinas. Fun evolucionando e, chegado a un momento, non se botaba en falta ilustración ningunha.
Cando era pequeno lía libros de aventuras adolescente como Os Cinco ou Os Hollyster. Co tempo pasei a libros de espías e aventuras que me recomendaba meu pai. Máis adiante accedín a outros prescriptores como profesores e amigos e agora búscome a vida principalmente con clásicos. Existe unha evolución máis ou menos repetible en bastante xente. Pero na música non.
No da literatura infantil houbo outras xeracións con recursos análogos como o pequeno Nicolás e outros. Pero un día chegou Harry Potter. Está ben Harry Potter para iniciar na lectura pero a “industria cultural” cheira os cartos e mete as súas sucias gadoupas. Resulta que invade os medios de marketing que satura a nosa capacidade eclipsando o resto de canais. Manipula os nosos sentimentos buscando tocar fibras sensibles que nos atraian ao seu produto infantil manipulado. E resulta que xente de máis de trinta anos está consumindo Harry Potter, e calquera couso máis complexa resúltalle incomprensible.
Este proceso de saturación do mercado con produtos mediocres para grandes públicos escasamente culturizados está moitísimo máis desenvolto no cine e na música que na literatura.
Por iso debemos descargar gratis todo canto nos pete. Porque deixarán de gañar cartos e destruiremos o seu aparello de anular a capacidade de desenvolver autónomamente ningún tipo de cultura.
Ao final acabaremos indo a concertos ou ao teatro e os verdadeiros artistas vivirán, modestamente, pero orgullosos de crear o que realmente queren.

Advertisements