Hoxe fun á segunda asamblea de Democracia real Xa no Morrazo. A particular acampada de pouquiña xente que ten o seu culmen na asemblea diaria ás 9 da tarde no parque da Palma, fronte ao concello.
blogue de acampada morrazo
Artigo de xeado de toxo sobre a asamblea de onte
A asamblea de onte deixoume algo frío porque se trataron temas organizativos, houbo pouca xente intervindo e houbo tons demagóxicos e despectivos de xente que só repetía consignas ante un micrófono. Eramos uns 150, case todos menores de 35 anos e, sen embargo, estou bastante seguro que veteranos en movementos e organizacións sociais.
Hoxe o panorama era ilusionante. Cuantitativamente igual pero cualitativamente os 150 incluían persoas de tódalas idades aínda que non interviñese ninguén de máis de 35 que non tivese pinta de okupa.
Os temas do día tocaron a participación social, o sistema electoral, a corrupción, o aforro enerxético, a xustiza e o sentido do movemento no que se estaba a participar.
Alguén lanzou unha pregunta, por onde temos que comezar? É mellor pregunta que “cara onde imos”.
Aprendéronnos na escola que hai que traballar por uns obxectivos, perseguindo un fin e planificar ordeadamente. Houbo anos de colexio, medios e marketing amosándonos a competir por usar medios eficientes para acadar metas indesexables. Pasámonos a vida discutindo os medios a eficiencia dos medios e non a súa dignidade.
Por onde debemos comezar é por reeducaronos. Precisamos arredarnos desa obsesión utilitarista en que o importante é o obxectivo sen considerar a dignidade do camiño para chegar a el. A vida non debería basearse acadar unha meta vulgar e egoísta senón en vivila dignamente esparcindo un mínimo de decencia entre os achegados (ou máis se pode ser):
Comezamos por aprender a pensar, participar en asembleas, aprender e respectar opinión aínda que procedan de xente sen educación ou verborrea. Aprendemos a falar publicamente na asemblea sen vergoña e a tratar todos os temas sen prexuizos. Aprendemos a dicir cousas evidentes que nunca se din pero que é preciso dicir. Aprendemos a xuntar as arroutadas e dámonos conta que non son tan diferentes a nós. Aprendemos que xuntarnos persoas e debater é unha ocupación divertida e digna.
A notoriedade mediática fai que se achegue máis xente do común a un campamento destes e todos aprenden a participar e organizarse. Á veces só serven para descargar a carraxe contida pero o tratamento de grupo é efectivo. Estase creando unha cultura, estase creando presión nos políticos e persoas que cren que pode participarse.
Comézase por facer algo que paga a pena, da igual a onde conduza.

Advertisements