Este ano quixemos sorprender cunha marcha especial, diferente, que ninguén máis puidese permitirse. Non buscamos as mellores trialeras nin as fragas máis frodosas. Non queríamos subidas largas e esixentes nin vellos carreiros escondidos nos vales do Morrazo. No primeiro memorial xa se organizou unha ruta semellante, pero daquela viñeron dez veces menos ciclistas, nós tiñamos seis veces menos experiencia e o clube sería unhas tres veces máis pequeno. Que bonito! Como crece a nosa afección, como a xente redescubre o monte, como o deporte non é sinónimo de competición, regras e árbitros senón de liberdade, ocio e harmonía co medio.

Decidimos levarvos a Cabo Home para que dar a coñercer este lugar máxico. Aos que coñecedes a zona, queríamos ensinarvos camiños novos, animarvos a un turismo diferente do cochedependente que non sabe agardar para deixar cruzar a deportistas amantes da natureza ocupando a súa sagrada, exclusiva e carísima vía asfaltada. A ruta é aínda máis valiosa para nós, os de Cangas. Cando chova poderemos gozar nos novos camiños que abrimos ou limpamos para ter unha ruta divertida e variada a cabo Home, pronto será un clásico recurrente dos nosos fins de semán.
Cabo home é terra de extremos, de grandes temporais. De cantís onde os percebeiros pelexan coas ondas, cerca dos os surfeiros máis osados. Navegantes e piragüistas. Paseantes e ciclistas, buscadores de setas e fotógrafos, escaladores, buceadores, apaixoados da historia ou dos castros teñen razóns de sobra para visitar Cabo Home en calquera época do ano.

Na entrada está o monte do Facho, co cumiu que descende cunha caída vertical ata o mar. Aquí érguese un incrible castro que domina as Cíes e o atlántico. Hai un altar no que, en épocas prerromanas, traían grandes pedras labradas como ofrenda ao deus Berobreo (mesma orixe que Breogán), deus do Alén, un deus pagán aínda benerado despois, cando Galicia xa era oficialmente cristiana. Chégase aquí en peregrinación a un dos Finisterres galegos. Máis alá só queda o fin do mundo e as misteriosas illas habitadas seres tenebrosos e as almas dos mariñeiros mortos e desaparecidos segundo a lenda celta.

Este que percorremos na marcha é tamén o “camiño dos Mortos”, chamado así porque era por onde se levaban os cadaleitos dende Donón ata Hío cando aínda non había capela no primeiro. Dónn era un deus Irlandés, o deus dos mortos, que xace enterrado nunhas illas eternamente rodeadas de néboa. Os expertos din que é improbable que Donón proveña de aí pero, sería bonito. Mentres as igrexas e capelas do morrazo poñen o seu altar no leste para que os feligreses estean de costas ao Oeste, ao fogar do deus dos mortos, onde o Sol agoniza todas as tardes. Pero nós tornámonos coa nosa teima pagán e adoramos ao deus da morte levando as nosas ofrendas a a Donón, a onde habita o Deus dos mortos.

Percorremos os camiños polos que os carnavais de Hío estoupan cada ano nunha orxía de viño e desvergonza, nun aquelarre inmemorial en que se peregrina entre aldeas revivindo canda ano a festa máis grande e pagán, a festa dos veciños a maior troula que vos podedes imaxinar.
Voltando ao noso tema: sabíamos que sería complicado organizarse na marcha porque se cruzan demasiadas estradas (os camiños estaban antes, debían ter preferencia), porque o sol anima aos visitantes motorizados das nosas saturadas praias e porque e o terreo era rompepernas e ata areoso por momentos. Co que non contábamos era con que aparecesen máis de mil ciclistas e con que a previsión de nubes e claros acabase converténdose nun aterrador sol de verán.

Conseguimos saír (case) puntuais de Cangas para disfrutar dos agradables sendeiros costeros recén ardidos entre rochas ata Liméns. Formáronse un par de embotellamentos cos que non contábamos a pesar de incluir costas para estirar o pelotón, que incluimos na ruta de forma cruel e innecesaria.
Os que controlaron os cruces tiveron que aturar malos modos, berros e inxustificadas queixas. Resulta que señoritos que veñen o fin de semán á Praia ou que montaron segundas e terceiras casas, legal ou ilegalmente, non poden aturar 5 minutos de espera. Eles non saben eventos deportivos na natureza, gratis, non competitivos e abertos a todos. Non señor, dous minutos máis tostándome na praia como un tonto son máis importantes. Resulta que as estradas son intocables se non é para o rei coche.
Pronto nos achegamos ás subidas máis duras. Eses empedrados cara arriba para que vos retorzades e vos desmoralicedes. Nós levábamos entrenando uns meses. Se non vos salíu á primeira repetide, xa veredes o rápido se progresa.
O paso dos quilómetros foi ennegrecendo a nosa caravana multicolor e os ciclistas convértense en sombras sudorosas nunha gran tormenta de area. Pero pronto chegan as vistas do Hío e Ría de Aldán, o bosque na dunas, ass praias de Nerga, Viñó e Melide, as Cíes a tiro de pedra, a vertixinosa costa da vela, os tres faros de cabo Home, a paradisíaca Praia de Melide, o avituallamento xunto ao castro do Facho e a subida deixando atrás a fisterra do Morrazo..
Xa na segunda parte, a distancia de cabeza a cola acercábase ás dúas horas e, áinda así, había problemas de saturación. Tras a baixada, a tranquilísima Praia de Vilariño para ver Aldán dende a parte alta e así, pasar ao Bosque Encantado, e a pelearse coa subida final.
Xa vistes que ao final non foi para tanto. Un par de rampas duras e terreo variado para, finalmente, chegar sen máis a Cangas. A trialera final resultou demasiado danada e perigosa así que tivemos que pechala pronto. Invítovos a probala noutra época.
Os que íamos na cola quedamos cunha sensación de ruta de sufrimento extremo pero bueno, seguro que moito máis adiante pensaron que só era un paseíño. Eu, dende logo, vin caras esbrancuxadas, vómitos, calambres e e pájaras de libro. Hai que regular, alimentarse e beber, pero sobre todo hai que andar en bici.
De volta á civilización, tras a reconciliación co mundo puidemos volver a lambernos as feridas e a soñar con máis mañans de domingo entre mares e montañas.
Gracias pola vosa comprensión e por facernos felices vindo un ano máis.

Por certo: no parte de feridos, nada grave que salientar. Un par de persoas cara Hospital: un golpe importante no peito e unha rapaza cunha boa brecha no brazo. Iso foi moi mala sorte porque ía moi a modo pero caíu mal.

Advertisements