Comezo pola súa orixe, pero pronto, en próximos artigos, haberá que centrarse na actualidade para que quede máis clariño.

As ciencias sociais institucionalízanse no século XIX. Ata entón era un exercicio metafísico de nobles ociosos en busca de explicacións sobre a alma, de xustificar a natural superioridade divina e dos escollidos polas divinidades, o orixe das ideas ou do mundo mesmo. As ciensicas sociais xorden dentro dunha tendencia xeralizada a tinguir de utilitarismo inmediato calquera investigación, de supoñer que existía unha forma obxectiva de medir o comportamento, con fórmulas e cálculos (o positivismo). Coa revolución industrial defínense o que serán ciencias ata hoxe mesmo, creadas pola súa capacidade de achegar e acumular riqueza ao capital. Só é ciencia social o que axuda a desenvolver ferramentas para o control social que contribúa a que os individuos sexan máis produtivos, igual que a ciencia natural é a que axuda a domar e explotar a natureza. Se non é así entra dentro da metafísica, das humanidades, das artes… saberes secundarios.

 

No caso concreto das ciencias sociais, o seu desenvolvemento emerxe da necesidade de axudar a comprender e controlar os problemas ocasionados pola urbanización e desarraigamento social na paupérrima e desordeada revolución industrial, a adaptación dos individuos á produción intensiva coordinada no universo fabril e ás necesidades de destrución cultural ao servizo do control social para crear ani-máquinas humanas ao servizo da produción industrial. Había que afrontar todo isto evitando o lóxico estallido: había que traballar no control social físico e mental.

Antes destes fenómenos atopábamos sociedades férreamente controladas pola tradición e a relixión, os estamentos sociais, os vínculos familiares e de veciñanza; nesta nova etapa enfrontaranse a formas de convivencia anónimas, desreguladas e solitarias. A ausencia de calquera moral que non sexa a do individualismo e a acumulación de riqueza.

Os descobrementos destes primeiros científicos sociais manifestánse no deseño da educación universal, a secularización subsituíndo relixión e tradición por principios liberais e capitalistas e a identidade dos individuos vencellada á súa actividade por riba das identidades locais, de parentesco ou estamentais. Tamén deseñan as modernas cadeas, orfanatos, hospitais, colexios… optimizando a produción e reparación de seres produtivos. O medio de todo elo é deseregularizar a cultura co fin de crear novas formas de identidade máis “produtivas”, permeables aos estímulos do capital.

O psiquiatra para drogar ou encerrar aos perdidos, o psicólogo para extirpar instintos, o sociólogo para crear sensación de consenso, o economista para parecer impotentes, o politólogo para eliminar a ideoloxía e instaurar a ciencia do poder, o antropólogo para amosar a imposibilidade doutras formas de vida…

Advertisements