O 6 de Xullo foi escollido, entre todos os días do ano, polo Sol para arrasar o Morrazo máis ca nunca e poñer a proba as ganas de GR59 que tiñamos. Por suposto que a algúns pasóusenos pola cabeza a cancelación da kedada, pero non chegamos mencionalo nin cos máis íntimos, para non parecer o máis galiña, somos ben cabezóns! Unha noite con 26 graos de mínima invitaba máis a ir de copas que á cama así que non costou levantarse ás 8 das sabanas sudadas e pegadas ao corpo tras unha noite de maldurmir.

IMG_6646

Non faltou case ninguén dos case 68 inscritos, gracias pola seriedade. Apuntouse algún a última hora, supoño que a cifra final roldaba os 70 en Cangas, ás 9.30.

IMG_6651-3

Saímos con só 10 minutos de retraso e o sol xa queimaba a pel. Pronto descubrimos o rápido que se acaba un litro e medio de auga, que as innumerables fontes eran unha bendición, imprescindibles para salvar este GR. Dende o comezo cada fonte era un tesouro. Pareceume que acadamos un ritmo bo en xeral pero con moitísimas paradas, calculamos 8 horas pedaleando e, 4 parados! As medias saíron en 12,5 e está moi ben para a dureza da ruta: uns 2500 mts de desnivel de subida acumulada!

Chegamos enteiros e bastante agrupados ao lago de Castiñeiras, primeiro gran reagrupamento no km 30, a excepción dun par de grupos con avarías. Todo o mundo parecía animado a pesar dos 35 graos e duras costas que se superaran. Xa disfrutáramos de boas vistas de Moaña dende Broullón e da enseada de San Simón ao rodear Cotorredondo.

No camiño ata ata alí xa apareceran un par de participantes perezosos e houbo unha retirada por unha urxencia familiar. Non se podía aínda prever a ringleira de abandonos que iría provocando a subida de Marín.

IMG_6699

A baixada do lago foi este ano doada, rápida e sen caídas importantes As marcas deixaron aos organizadores máis despreocupados que outros anos, aínda que desapareceran un par delas.

Os seguintes 6 km, de Marín a Pastoriza, foron o inferno. Na hora de máis calor, da parte máis dura da ruta máis dura houbo desfallecementos, calambres, averías….como sempre o último kilómetro costaba subilo incluso a pé, a rampa final de monte Bermello, coa ría aos teus pés, deixou os termostatos ao borde da explosión. A subida era un ronsel de almas loitando contra a calor que saía do asfalto e caía pesado do sol, as rampas de terra polvorientas e sen unha miga de brisa que movese o aire viciado por horas de sol abrasador.

IMG_6723

As caras no avituallamento, en Chans de Cela eran de peli de zombies. Xente tirada, sen ganas de comer, sen forzas nin fé en rematar a ruta. Un par de acalambrados, dous ou tres con pájaras.. custou moito volver a poñer a xente en marcha, pese á promesa de baixadas que acabarían levándonos ata as praias. Calculo que houbo un mínimo de 20 abandonos que escaparon nos kilómetros seguintes, chegando ao avituallamento de Aldán só uns 42 dos 70 que comezaron.

056

Para min un dos momentos máxicos da ruta, sempre é polo kilómetro 60, a entrada á Praia de Tulla, a primeira das praias. Mellor aínda este ano gracias ás xenerosas mamas dunha bañista á beira do camiño, iso si que provocaba… sede, fame, e luxuria.

IMG_6742

100 metros máis adiante Malayo bautizounos a golpe de mangueirazo milagroso. Despois viñeron a Mourisca, Lagos, Area de Bon e Aldán: tadas repletas de bañistas mirándonos con cara de estrañeza.

A partir de aí pasei os meus peores kilómetros, totalmente desfalecido na miña parte favorita do GR. As pequenas subidas ata Aldán foron infernais e non paraba de dicir que abandoaba tras a panadería.

Alí levamos un gran susto cando alguén se desmaio no meu lado por uns segundo. Levouno Sera a Cangas e xa pensaba coller o coche… e volveu desmaiarse. Finalmente tras un descanso, bebidas e alimento puido saír sen máis complicacións.

070

Un bocata e cocacola despois, e coa insistencia e ánimos, decidín proseguir e non me arrepentín. Subín toda a calzada romana do tirón. Para min o segundo lugar máis máxico da ruta é a entrada na costa da Vela a Través de Donón, nun dos tramos máis bonitos en que se pode ciclar por Galicia. Aí sabes que o conseguiches, que has completala aínda que sexa a rastras.

IMG_6790

Tras o paso polo faro de Cabo Home baixamos á barra e comezamos a nosa particular pelexa cos sendeiros areosos das praias máis populosas do Morrazo. O final de ruta, este ano polo sendeiro da costa, foi unha guinda espectacular.

IMG_6794

O horario de chegada, pasadas as 10 da noite para min co grupo de cola da conta da dureza, con máis de 12 horas transcorridas dende o momento da saída.

IMG_6780

Aínda estamos botando contas de cantos acabaron, contamos uns 30, para o ano próximo imos facer un photocall final no riló para montar un póster de recordo cos que acabaron. En todo caso foron menos da metade, bravo a todos os que vos atrevestes a saír da casa e coller a bici nun día así.

Polo camiño quedaron requentados, acalambrados, esgotados.

IMG_6760

Un ano máis, foi un pracer honrar este fantástico percorrido, este escaparate do Morrazo con todos vós.

Engado enlaces a galerías de fotos que colgaron:

As de Alex:

https://plus.google.com/photos/114464373746464960717/albums/5897990810023921377?banner=pwa

As de Racso:

https://plus.google.com/photos/112405063109407409699/albums/5897813545610485153?banner=pwa

As dos Globeros Galaicos

https://picasaweb.google.com/LuisTestera/20130706?authkey=Gv1sRgCLDr3obgzuiITQ

Para ver ou descargar o track:

http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=4738718

Advertisements