Nisto da bici sáenos ás veces o gen autodestrutivo e anda unha idea potencialmente dañina a dar voltas na cabeza… non a sacas de aí ata que a pos en práctica.

A pesar de andar un pouco xusto de forma, convencín ao Dewi para explorar unha ruta, para unha posible quedada futura, un reto novo e orixinal. Tras investigar no wikiloc, atopei unha proposta, dun tipo de Chapela para ir de Vigo a OURENSE. Non puiden contactar con el así que, á aventura, a fiarnos do noso amigo de Chapela, que odiaremos co paso dos kilómetros.

Planificamos o tramo de Redondela a Ribadavia, 80 dos 125 km. Só restaría vir de Vigo (ruta da Auga) e o final a Ourense (en teoría bastante suave).

maperfil

Arrancamos ás 8.50 nos Valos, onde a ruta da Auga cruza coa N550, salvando así a subida ata os 200 mts de altura. Eu afrontaba o reto ben cargado cos meus 80 kilos (e pico), a miña endurera de máis de 14 e unha despensa de comida no lombo (auga, 2 mazás, plátano, duas cocacolas, unhas 10 barritas e repostos para chegar a China).

O comezo do percorrido non deixa nin aclimatarse, tras cruzar un reghato ben chulo ghabéase por costas verticais de asfalto entre aldeas e nun kilómetro xa se pasa á pista de terra. A subida tórnase moi dura e bastante rota, chegando aos 550 metros en menos de 4 kilómetros, cerquiña do monte Galleiro. Jose, curva á dereita, prepárate! Efectivamente, cada xiro á dereita o camiño empinábase despidadamente.

O outro lado do monte non viña con mellor pinta. Pensamos que serían baixadas levadeiras por pista, pero evolucionaron de seguido en rotas e pedregosas. Despois estreitábanse e comezaban a aparecer silvas, ramas e paus, o camiño mesmo ameazaba con morrer entre as xestas. Finalmente non foi a peor e voltamos á civilización por unha aldea meténdonos no eido dunha casa por desorientación, para continuar cun tramiño de case dous kilómetros de asfalto, o segundo deles xa de novo en subida sen tempo sequera para baixar as pulsacións. Aquí comezábamos a referirnos ao que colgou este track en internet como o sicópata, o malnacido, que non ten amigos…

CAM00681

A subida suaviza ao entrar nun camiño bonito, para cruzar un regato a pé por unha ponte de medio metro de ancho, nun paraxe precioso de muíños e presas. O menos bonito foi empuxar a bici por unha especie de cauce seco e a piques de ser tragado por silvas por uns 200 metros. Os seguintes dous kilómetros de subida irán por pista de terra entre eucaliptos, doado. Vou pensando que os kilómetros pasan lentos, non hai espacios con treguas, cada metro ten trampa, ou máis ben encanto, é Galicia.

Pero sorprendentemente, entramos nun tramo de case 20 kilómetros, case todos por asfalto, pero sempre por estradas aílladas e despoboadas, moi tranquilas con espectaculares vistas cara a zona de Mondariz e Ponteareas. Ao comezo imas llaneando pola parte alta dunha montaña e continúase cunha baixada rápida cruzando aldeíñas para abaixo e despois para arriba, por veces con rampas moi duras, cruzando entre casas vella e restos de bosta e centos de cans incansables, escandalosos e a miúdo ceivos. No km 33 crúzase unha aldea con bares abertos. Hai que aproveitar esas oportunidades. A ruta non anda escasa de fontes, pero hai que ter coidado coa comida porque non vimos un só sitio aberto excepto aquí.

CAM00675

Súbese alternando rampas duras de terra, empedrados e asfalto ata que no 35 se abordará unha subida de 3 kilómetros en terra e moi esixente, algo rota, nunha zona bastante despexada xa de árbores co sol mallando xa con forza. A ascensión conduce a un kilómetro chan pola mesma pista, e tres kilómetros de baixada ata chegar a unha Praia fluvial moi ben equipada, con camping e todo! Pero sen bares á vista. Nesta baixada estiven a piques de ser estampado por un camión, un trailer para madeira. Baixabamos rapidiños polo noso carril e él subía ocupando a calzada enteira…. eu derrapando e él coas rodas chiando para apartar e deixar paso, coleime por un chisco. Incrible pero, cada día hai xente que tropeza cunha morte estúpida por culpa doutro.

Tras a segunda praia fluvial comezan a pesar os kilómetros. Abórdase unha subida moi dura por asfalto dun kilómetro e outros 4 rompepernas, cun pouco de todo. Pódese chegar á ponte medieval, que é preciosa, pero a baixada é unha tortura moi perigosa. En bici é impracticable e a pé moi perigosa porque ten un empedrado moi deteriorido, máis ben parece un cauce de río esbaradío, húmido e enlamado. Polo outro lado do río, a subida ten case un kilómetro moi esixente nun agradable camiño entre carballos. Xulgade por vós mesmos: o camiño é criminal, o lugar ao que chegas de carballos, augas verdes e profundas cunha ponte espectacular que enmarca este recuncho excepcional.

CAM00679

A continuación toca abordar por fin a longa subida que nos levará á frontera entre Pontevedra e Ourense. Son nove kilómetros por asfalto, sen grandes rampas, máis que un par ao final. Supéranse 650 metros de desnivel sen descanso. Non é moi dura pero a min, o paso dos kilómetros e sobeesforzos fixéronme sufir moitísimo, estaba destrozado, ata que chegamos á cima, preto de monte Faro, a 1050 metros. Pinchei uns metros antes da cima e Jose, que me viu sin folgos, tivo que inflar a roda por min!

Dende aquí quedan 20 kilómetros de baixada, por pistas asfaltadas e de terra, metade e metade, máis ou menos. Hai que facelos con precaución, pola velocidade vertixinosa que se acada. Jose case se sae nunha curva, e eu quedei un intre sobre a roda de adiante tras rebotar ao cruzar un paso canadiese!!

Hai algún tramo ben bonito na parte de abaixo, onde xa se vai sentindo alegría da misión cumplida a medida que se vislumbra o encoro de Castrelo de Miño, cada vez máis cerca. Como pequeno capricho, damos un paseo llano por Leiro, na beira do río Avia para dirixirnos cara Ribadavia, a comer, beber e darnos un merecido remollo nas termas de Prexigueiro, que resultou que pechan os Luns (gran decepción).

CAM00682

En resumo: dura, durísima ruta para min. Faise cerca da metade por asfalto, pero agradécese, se non sería inaboradable para nós. Foi un gran reto, moi satisfactorio, pero hai que ir preparado e non esquecerse de levar comida abondosa xa que non hai onde comprala. A auga non debería ser un problema se es precavido e vas enchendo en cada fonte. Tamén hai que ter en conta o lonxe que se pasa de toda vila importante así que non hai escapatorias doadas. Moito coidadiño tamén nas rapidísimas baixadas da vertente de Ourense.

O track é un trozo que sacamos de aquí:

Enlace ao track completo de Vigo a Ourense.

Advertisements