Tras un par de probas de percorrido, catar uns bares e un total de tres viaxes a Ourense, estábamos listos. Bueno, eu lieime algo o día anterior e case me esquezo A BICI en casa de meus país. A ruta prevista era primeiro subir dende Vigo ás terras do monte Galiñeiro e Aloia e depois ir circulando por zonas baixas, a carón do río Miño a contracorrente.

Pese á miña resistencia, a votación popular decidiu que as 7 era a hora axeitada para coller o barco, maldita democracia. O caso é que nin a taquillera de Mar de Ons se deu levantado para vendernos o billete para o primeiro barco, menos mal que non había antes! Xa me vía cruzando a avenida saudando aos juerguistas que deixara unhas horas antes. Imaxe

A mañá comezou poallenta, e coas primeiras subidas engadiuse o nevoeiro que nos acompañaría ata comezar a baixar a Tui, alá polas 11 da mañán. Algúns fiámonos dos meteorólogos e fomos de corto todo o camiño, empapándonos e mesmo con algo de frío por momentos. Imaxe Racso guiounos con acerto por Vigo e despois subindo ata o monte das Pozas, enlazando camiños sen grandes petadas. Foi un comezo fenomenal, abandoando o asfalto moi rápido, para serpentear por carreiros e sendas, sobre todo entre piñeiros. Mágoa que as nubes baixas tapasen a espectacular vista dese primeiro monte enriba de Vigo. Quedamos en que o que botase pé a terra tiña como castigo o bocata de bacalao, opción estrela para o noso avituallamento. Gardaremos o segredo de quen incumrpríu, porque o resbaloso terreo mollado e con raíces, fixo que todos tivesemos os nosos momentos de descabalgarnos. Imaxe A partir do monte Galiñeiro esperábamos pistas rodadoras, pero atopámonos sendeiros pedrentos, empinados e rotos. Foi unha travesía dura e perigosa, igual que a baixada do Aloia a Tui, que fixo que a parte inexplorada da ruta resultase máis dura e lenta do previsto. Houbo caídas, unha de Racso foi bastante impresionante. O resto apenas revolcóns. A baixada estaba chea de grandes lousas, pedras soltas, regos e desniveis de cú para atrás. Por sorte chegamos a Tui cara as 11 todos enteiros, pero máis cansos do planeado. Imaxe

Apenas paramos e xa abordamos o primeiro tramo de río Miño, moi doado, por pistas e carreiros. Os camiños están impecables e duriños, o sol vai asomando e a temperatura é case perfecta. A primavera ataca con herba de metro e medio, silvas, fentos e xestas; a pel márcase por algo máis que o sol. Xa acumulábamos retraso e costaría chegar a unha hora decente á comida prevista, no km 70. Case improvisamos unha parada porque unha cuadriña de media ducia invitábamos a unha botella, en terra de bo Albariño. Quen sabe onde acabaríamos…

Imaxe

Por sorte, a miña desorganización favoreceunos, e xa no 55 estabamos no carril bici de Salvaterra, á 1:30 para devorar os bocatas. En realidade o comando ZORZA, composto por Tuchis, Dewi e Besbello, optaron por encherse de carne graxenta e especiada para unha dixestión máis lixeira e gaseada. A tortilla era excelente, o pan pasable e a atención igual. Pero foron rápidos e estivemos moi cómodos na terraza do bar Estación, en Salvaterra. Tomamos as habituais cervexas, menos os novatos… nalgo se tiña que notar.

Imaxe

Fixemos a dixestión entre carril bici, bonitos carreiros con tobogáns e algo de asfalto por aldeas cheas de vides. O Besbello “deleitounos” cun gran repertorio de cancións de misa, secundado animadamente por Uxío mentres avanzaban os quilómetros sen percances nin averías. As fragas da beira do río tenden a ser invadidas por acacias no Baixo Miño e tórnanse Mimosas canto máis cerca está o Ribeiro. O cansancio vaise acumulando sen darnos conta, sen grandes subidas, pero o punto límite achégase imperceptible e traizoeiro.

Imaxe

A partir do km 70 as planicies que rodean o Miño fanse máis abruptas e o canón entre grandes penedos é espectacular substitúe as terras chas cultivadas. Foi unha mágoa que houbese un sendeiro estragado polas mimosas caídas e tivemos que substituílo por estrada. Ao cruzar algunhas aldeas por pistas e carreiros démonos conta de que xa, eran as 7! E faltaban case 30 km, se as miñas imprecisas contas non erraban. Houbo que tomar a decisión de atallar por estrada ata Cortegada. Lis agradeceuno especialmente, que sufriu unha pájara monumental, pero chegou a golpe de pedal a Cortegada, por moito que lle costase.

Imaxe

A maioría superaron os 110 km sen problema; Tuchis, Gaspi, Giedos ou Dewi mesmo se permitían algún sprint. Xandasbolas e Uxio, novos nestas rutas, ían sobradísimos. Besbello e máis eu agradecemos que houbese alguén máis débil e non se notase que estábamos a puntiño xa. A Racso sobráballe unha perna para facer de guía e de fotógrafo, mentres Pablo, Kiños máis inexpresivos, non se sabe se escondían debilidade ou simplemente non sufrían nada de nada.

Imaxe

Chegouse así a Cortagada ás 8.30. Xa na pensión Buenavista tratáronos de maravilla, como reis. Foron atentos e amables. Non nos esquezamos dos encantos da cosiñeira, que xa é unha boa razón para achegarse por este pequeno pobo, xunto ao chulo do seu home e os paisanos que daban un gran ambiente ao bar da pensión. A cociñeira, ademáis do seu encanto ofreceunos unha cea excelente, que Lis negouse a dixerir… insistentemente. Algúns probamos a noite de Cortegada, con resultados decepcionantes, e así descubrimos que a nosa pensión era realmente o sitio no que había que estar. Tras un par de cubatas, algunha partida de futbolín, retirámonos derreados á 1:30 para dormir profunda e pacíficamente. Agardando un segundo día un pouco máis asequible por terras do Ribeiro ata Ourense.

O meu agradecemento a Racso pola incrible colección de fotos, que utilizo nesta crónica.

 

Advertisements