Seica a Xunta ven de facer un mapa de Parroquias máis incendiadas de Galicia. O criterio utilizado para determinar que é unha parroquia de “alta actividade incendiaria” é que se observou unha media de máis de 7 incendios anuais nos últimos 5 anos ou dous incendios de máis de 200 hectáreas nos dez últimos anos: unha barbaridade.
Por suposto, isto só servirá para aplicar máis represión en forma de multas (pa que limpen) e vixiancia, para deter a eses incendiarios que nunca son declarados culpables, eu non sei se os escollen ao chou sen máis. De prevención a longo prazo cunha planificación do uso do monte, nada.
O primeiro a ter en conta son as limitacións do mapa, aínda que non hai que negar o seu carácter clarificador. Precisaríamos un significado de “incendio”, supoño que esixen un mínimo de superficie, non o vin mencionado nos artigos, creo que non lles gusta publicalo. É enganoso comparar parroquias de gran superficie con outras moito máis pequeniñas, as de Ourense tenden precisamente a ser de maior tamaño. Desta superficie haberá concellos con gran proporción forestal como o norte de Lugo e A Coruña e outras moito menor, como as terras de pastizais do interior de Lugo e A Coruña ou as terras cultivadas da Limia e Verín, O Salnés, Baixo Miño e o Ribeiro. A medida máis acertada sería un índice calculado sobre unha superficie forestal e monte baixo normalizada (número de incendios por cada 100 ha forestais por exemplo). Como digo, sérvenos aínda así como indicio.
Seguramente se fixésemos un mapa das parroquias máis pobres, avellentadas e que perden poboación, tería un aspecto semellante ao deste mapa. A idade máis elevada e decrecemento poboacional cébamse especialmente no leste de Lugo, Sur e Leste de Ourense excepto Valdeorras e Celanova e Oeste de Ourense (Ribeiro e Terra de Montes). A excepción atoparíamolo na zona leste de Lugo, onde as zonas de alta montaña con moita fraga e pouco piñeiro e eucaliptal poden relacionarse cunha menor presenza de incendios.
Destaca que a presencia de máis eucalipto non é sinónimo de incendios xa que é o Norte de Lugo e A Coruña onde a súa presenza é máis masiva. A existencia dun uso da terra máis ou menos homoxéneo tamén parece que vai contra os incendios, como acontecería co vacuno en todo o interior da Coruña e Leste de Lugo. Outro caso senlleiro son as extensas plantacións de piñeiros no Oeste de Ourense, especialmente en concellos de Terra de Montes.
Pola contra, o monte desordenado e abandoado, intereses enfrontados e invasión de especies alleas onde non son benvidas é sinónimo de incendios. Bótanlle a culpa ás veces á gandería extensiva. Non dubido que nalgún caso se plante lume para facer herba dos toxos, xestas e carrascas. Pero a culpa de que se estendan eses lumes é que non existen as praderías e fragas, os mellores cortalumes da terra. O monte producindo riqueza é o máis difícil de arder de todos.
Quizais algúns dos fenómenos que frean o lume non sean do meu gusto (monocultivo de eucalipto en todo o norte). O cultivo intensivo para a exportación só che fai feble ambiental e económicamente, dependente das multinacionais, das financieiras, dos monstros. Non hai incendios pero transforma a realidade do rural nalgo horrendo.
O clima non pode ser a desculpa, que a ninguén se lle ocorra. Buscade zonas conflictivas na calurosísima zona do Ribeiro. Ou mirade como as húmidas zonas de montaña en Terra de Montes, A Cañiza, Cerdedo, Agolada, Caldas, Mazaricos ou Val do Dubra presentan parroquias ardidas con insistencia.
Os conflictos no uso do monte son os que o queiman. Alá onde hai árbores invasoras perxudiciais para outros recursos de interese, onde o monte está abandonado completamente, onde hai conflicto hai lume.
Alí onde o rural está abandoado e foi danado por extensas labores de repoboación, hai moito lume.
Alí onde hai eucalipto invadindo e empobrecendo terras sen control, hai máis lume.
O incendio é unha arma desesperada contra o eucalipto invasor ou quizais unha arma para empobrecer, desesperar e despexar o rural deses molestos moradores que queren vivir na terra e que se resisten a ese monocultivo, como se as súas vidas fosen máis importantes que os intereses da madeira e que o que demanda hoxe o mercado.
Deixar unha resposta