Un repaso pola forma en que apareceron e evolucionaron os furanchos, a súa evolución, adaptación, significado e símbolos. Todo isto levaranos a saber o papel que cumpren na actualidade e opinar sobre os problemas legais con que se atopan.
Cal é a orixe, símbolos e razón de ser dos furanchos? por que se atreven obrigalos a cumprir leis que están pensadas para que desaparezan?
Non se debería xulgar un fenómeno polo seu encaixe nun sistema legal e económico de probada inxustiza. Dame igual que normas non encaixen cos furanchos, a que negocios perxudique ou se altera o equilibrio hixiénico dos nosos organismos acostumados a merda esterilizada.
O furancho é froito dunha tradición que reforzaba relacións sociais, solidariedade e valor do traballo. Tamén servían para fachendear, lucirse e competir. Pero sobre todo son consecuencia dun acto de bendición pagán dun dos produtos máis persoais, complexos e caprichosos cos que calquera labrego se enfronta.
Ó comezo non habían cartos de por medio. Un poñía o viño e os veciños a carne. Unha festa informal e rápida nunha adega onde entra todo o mundo, sen distincións, invitado por unha pola de loureiro. A conversa comeza arredor do viño as súas cualidade e remata afogada no viño e as súas cancións.
Co tempo os cartos pasaron a ter valor e comezou a cobrarse polo viño porque xa non se vivía só co que se producía, había que comprar cousas. O exceso e derroche de afuranchar mantense pero chega algo impensable co viño do país: vendelo.
Nos felices tempos modernos hai máis paraíso no supermercado que na leira. O traballo non é riqueza. O furancho convértese en taberna buscando razón de ser nun mundo en que xa non ten sentido agasallar veciños. En realidade é un mundo sen veciñanza.
Cal é a época do ano para o furancho: orixinariamente calquera mes en que se abrise un bocoi, despois no verán ao precisar espazo para a nova colleita, os que queren vender bo viño ábreno case na primavera pero as grandes festas do outono demandaron tomar caldos escasamente listos para ser consumidos.
Furancho ven de furar, ou facer un buraco. Débese ao acto de realizar un buraco nun barril para sacar viño, que máis adiante sería unha billa. Así o furancho servía para que todos os veciños probasen o viño dunha casa que “afuranchaba”, a veciñanza daba a aprobación e alagaba ao propietario do novo viña. O furancho ía por tanto ligado a dar saída a excedentes, como os furanchos actuais, senón que se trataba de festexar e “santificar” a solemne apertura do tonel do que beberá a casa nas próximas semanas.
O viño é un ser vivo, todos os produtores o din, e a súa evolución depende de fenómenos naturais ou sobrenaturais. Entón non sorprende que un loureiro, árbore chea de misticismo, sinale ou protexa a trascendental apertura. O loureiro é éxito e gloria. Reproduzo unha explicación que atopei do significado do Loureiro en Galicia.
http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1287646965/contido/Miniatlas/ar-laurus-nobilis.html
En Galicia, aínda no século pasado, colocábanse cruces de loureiro nas habitacións ou queimábanse ramallos de loureiro para o mesmo fin. Esta idea de árbore protectora continúase noutros moitos costumes, coma poñer un ramallo de loureiro ao rematar unha construción, ou nos barcos, ou penduralo das fiestras unha vez bendito o domingo de ramos. De feito plantábase ao carón das casas polo mesmo motivo e facíanse fumazos con el para protexer contra o “aire de morto”.
O loureiro é unha árbore mediterránea, igual que o viño, traído polos romanos a Galicia. Carrexou tamén parte do significado e supersticións que viñan de Roma. É lóxico que resulte unha árbore misteriosa polo seu lento crecemento, lonxevidade, gran tamaño, aroma e verdor invernal. É raro atopar árbore de tales características en todo o mediterráneo e atlántico, que ademais presenta unha extensión considerable en Galicia. Da fé disto a enorme extensión de topónimos relacionados por toda Galicia como Loureda, Lourenzá, Louriña, Louro ou o propio Loureiro.
Unha rama de loureiro marca un lugar afuranchado pero ademais é un amuleto que coroa a vitoria na elaboración do viño, a dar vigor e realza os atributos, tal e como as follas de loureiro fan non guisos e carnes cociñadas.
No salnés os furanchos son chamados directamente loureiros descubrindo así que o acto sagrado de bendición do viño ten en realidade máis importancia que o acto social de compartir e degustar coa veciñanza. Unha afuranchada era, ao meu entender, unha santificación pagán do zume da nosa terra. Unha afuranchada significa que o bocoi cheo impulsa con presión o néctar salpicando e así bautizando a todo asistente á cerimonia iniciática.
Celébrase con especial sorna aquel viño que máis mancha. O Tinta Femia ou o Barrantes son recoñecidos e apreciados, máis de Furancho e son os que máis mancas. A mancha é a bendición e en Cangas sempre se encheu a tasa que obriga a manchar e sempre se bebeu manchando o pulgar que se afunde no viño ao coller a tasa como é debido.
Todo isto é cultura e dame igual canto hosteleiro rosmón se sinta perxudicado ou canta lei hixiénica ofenda a algún malcriado. Os furanchos preceden ás tabernas e resto de hostalaría. Os foráneos son os segundo e só teñen dereito a sacar ganancia do que lles sobre os furanchos ou que se vaian por onde viñeron.

3 Respostas to “Furanchos”

  1. Bertiño Says:

    Estou totalmente de acordo en todo. As novas xeracións de hosteleiros (e tamén de clientes) aínda pensan que a xente vai ós furanchos a emborracharse e a beber viño barato… pobriños eles … A socialización e esa “unión de veciñanzas” é o que conta. Na miña terra, Darbo, polo menos é así.

    Un saúdo furancheiro!

  2. Marajota Says:

    Cando entras e te sentas nun deses bancos, darredor dunha desas mesas longas e vellas xa sintes que estás nun mundo diferente ao de fora.
    A ver aos veciños mentres cuchicheas sobre a calidá do viño, a que o noticiario oral che poña ao día e ti tamén compartas as túas teimas cos demais.
    Un saúdo furancheiro!

  3. mikaghonakona Says:

    ghaiteiro! un mundo sen veciñanza, tou dacordo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s