This slideshow requires JavaScript.


Etapa 7:

Perdoade que me alargue máis na crónica da etapa que máis recordaremos e seguramente repetiremos algúns dos que a sufrimos.
A longa xornada que a precedeu conduciunos a un albergue público. Estes albergues son baratos (4 a 6€) pero contan con estrictos horarios xa que hai que deixalos antes das 8 da mañán. Tamén soen ser os máis problemáticos nas duchas, hixiene, ruido, aillamento ou calefacción. Hai que facer cola para entrar nun dos habitáculos que non sempre ofrece auga todo o quente que debería. Nalgún caso, como en Carrión de los Condes, a temperatura da auga era escasamente soportable. Para evitar este problema pódese aplicar a técnica Marzochi, que é recoller todo correndo, ser o primeiro en atopar as habitacións e meterse na ducha case vestido. O estilo de Pichón é máis ben deixar as carreiras e, con moita calma, esperar a que a auga volva a quentar cando os demais rematen. A maioría simplemente resignámonos á sorte que dicte a capacidade da caldeira de turno. O escalofriantes ou placenteiros berros que saen dos baños anticipan aos demais o que se atoparán.
O día arranca co fortaleceder desayuno que, despois de día festivo, fíxonos coincidir con algún reenganchado da noite anterior dando pé a conversas, surrealistas e mesmo un pouco obscenas. Había algunha moi animada por alí a coñecer mellor aos bicigrinos cangueses pero… non había tempo para facer relacións públicas.
A xornada preséntase co complicado ascenso ao Cebreiro e a desexada re-entrada en Galicia. Arrancamos con moita calma, gardando forzas entre unha poalla constante pero sen o frío xa de Castela. O Cebreiro conta, ao igual que pasara co Cruz de Ferro, cuns 20 quilómetros moi suaves e 8 duros.
O ascenso ao Cebreiro comeza por unha pista que discorre sempre paralela e pegada á estrada por onde paseamos alegremente entre cánticos e risas, sempre pegados a un bonito río e cruzándonos coa faraónica autopista. Aquí destaco outra vez o arte con que Besbello ía arrancando unha canción tras outra. Crúzanse varios pobos de pedra e pizarra, que parecen da mesma montaña luguesa a pesar de non estar aínda en Galicia, e facemos un alto para comer unhas chocolatinas baixo a incesante choiva antes de comezar a parte dura do porto. Ao noso arredor vemos altos precipicios envoltos en nubes. Non se observa a esperada e temida neve que nos regalou o día anterior.
A arrancada tras o descanso xa anticipa o caótica que sería a etapa xa que non todos saímos á vez e non tiñamos claro quen ía diante nin por onde. Segundo Racso só unhas pequenas rampas non eran ciclables así que o meu grupo métese polo camiño dos peregrinos dende abaixo. Diego e Alberto van a bo ritmo diante e o collen un par de quilómetros máis arriba mentres Manuel (presi) e Marzochi arrancaron antes en non sabemos por onde tiran.
Metémonos de cheo en camiños antigos e empedrados. As rampas serpentean entre enormes castiñeiros. Son imposibles de subir pola mezcla de pedra pizarrenta esbaradía, auga correndo, lama e empedrados irregulares. O primeiro quilómetro fixémolo case todo a pé e fómonos desperdigando pola montaña. O ritmo de Racso, sobrado de forzas, vai marcado polas paradas a fotografar cada rincón da inmensa fraga que atravesamos para emocionarnos co incrible reportaxe que agora nos brinda. Tras a pelexa cos duros camiño do inicio pódese ir collendo un pouco de ritmo cando a lama non o impide. Atravésase unha primeira aldea entre rampas matadoras cunha choiva cada vez máis fría. Supérase un novo empedrado empuxando a bicicleta para continuar os últimos 4 quilómetros durísimos pero completamente ciclables.
Aquí estamos xa en partes máis altas e a densa fraga da paso a prados, toxos, carqueixas ou piñeiros e abetos. O camiño xa non está encaixoado entre valados de pedras senón que é unha senda usada xa só por peregrinos. Comeza a aparecer vento lateral e a choiva pasa a auganeve e neve.
Pásase a segunda aldea e aparecen precipicios á man esquerda, con vento forte que trae neve e camiños completamente enlamados. Os dous últimos quilómetros de subida están entre os momentos máis intensos nos meus anos na bicicleta: mézclase a beleza en camiños e paisaxes disimulada pola névoa, o cansancio acumulado e multiplicado, a dureza do terreo esbaradío, a neve ás beiras do camiño e peregrinos animando e dando empuxonciños. O frío é intenso e a auga xa nos calou ata os osos. Imos subindo despacio pero ningún pensou en abandoar. A neve fai que todo sexa espectacular cara o final e sentes que valeu a pena, que vas chegar a Santiago, que foches máis forte que o dolor.
Intúese o Cebreiro ao aparecer unha pedra que da a benvida a Galicia (peguei un gran berro de alegría). A neve é máis alta e volven haber valados de pedra. Entro na aldea do Ceberiro para reunirme con Alberto e Diego na taberna ao pé do lume, cun café na man e esperando que todos cheguen arriba sans e salvos. E así foi, viñemos por camiños e carreteras distintas e a todos nos pareceu que o noso camiño era o máis duro. A Manuel costoulle máis recuperar a temperatura do corpo pero continuamos tras máis dunha hora gozando do refuxio e descanso, sen saber que aínda quedaban complicacións de abondo.
Do Cebreiro ao alto do Poio vaise por camiños doados e estradas con neve abundante e chuvascos pasaxeiros. O frío fai que non poidamos parar a esperarnos e ás veces non temos claro onde van os outros. No Poio (1330 mts) facemos grupeto os 6 últimos e a maioría insiste en que o frío e xeo fan preferible baixar por carretera. Tras un quilómetro xeador de descenso atopamos a Pablo esperando. Únome a el para facer o resto do descenso polos camiños e deixo aos outros pelexarse co vento pola estrada, os dous irmáns nunha interminable pelexa coa auga e a lama. Os camiños eran pedrentos, revirados, enlamados, perigosos, sucios, fedorentos… era un descenso maravilloso e interminable no que acabei sen pastillas de freno e gocei dominando a bici entre carballos, castiñeiros, aldeas, prados, toxos, xestas… outro momento inesquecible de goce na bici.
Pablo e máis eu chegamos abaixo, a Samos, en bo estado xa que a intensidade da baixada e a escasa velocidade impediron que nos enfriásemos tanto como algúns que estaban tiritando sen sentir pes e mans tras un descenso por carretera. No pobo, os poucos que había esperando insistiron en seguir pola estrada así que acabamos os restantes 25 quilómetros rompepernas con Alberto, Diego, Da toxeira e Chapela a ritmo endiañado. Despois arrepentinme de non ter seguido a disfrutar dos primeiros tramos galeguísimos polos carreiros e camiños que unían as aldeas de Samos e Sarria.
Chegamos a un maravilloso albergue perdido no medio dos vales e cun ambiente tranquilo. Houbo varios dannificados polo frío, e algúns non daban atopado o albergue. Finalmente puidémonos duchar todos con auga ben quente e abundante, desincrustar a lama de caras, roupas e bicis e dirixirnos a Sarria para completar a festa de reentrada en Galicia.
Da noite contarei pouco: só que se cantou, bebeu e bromeou máis que ningún día. Viñamos de atravesar a etapa máis dura e de entrar en Galicia, o himno estivo entre o repertorio e os excesos farían que o día seguinte fose un pouquiño máis duro. A festa era tal que semellaba que estabamos en Santiago, que xa se acabara todo. Dende logo acabárase o descoñido porque en adiante teríamos pura Galicia, tal e como nos ten enamorado todos e cada un dos fins de semana do ano.
Canto atravesamos Castela, a dificultade estaba nos interminables campos co vento freándonos que minaban a moral. A séptima etapa de montaña, frío, lama e quilómetros foi a máis dura de todas. Sen embargo todos saímos aliviados e contentos; coa sensación de ter superado unha proba dura e maravillosa. Unha agradable sensación percorría os nosos corpos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s