This slideshow requires JavaScript.

Etapa 9

Tras unha última noite tranquila levantámonos xa falando de que botaríamos en falta a axitada compaña nocturna nas megahabitacións dos albergues.
O último tramo que deixamos xa é corto (38quilómetros) e abórdase con espírito festivo. Agora preséntasenos unha néboa mesta que fai que o frío nos acompañe ata Lavacolla. Xa dende aquí o sol asómase timidamente pero apenas quenta aínda que alegra nas últimas rampas ata chegar ao monte do Gozo.
A última parte está ateigado de peregrinos… é domingo de semana santa. Como son/somos os peregrinos? Non mitifiquemos aos peregrinos. Parecen amables e sufridores, é difícil atopar algún que che caia mal.
Pero o peregrino é como calquera de nós: é envexoso, egocéntrico e cóstalle valorar o esforzo dos demais. Os andaríns pensan que o noso medio é máis fácil, os das alforxas din que a axuda do coche de apoio invalida o mérito, nos mofámonos porque os das alforxas fan moitos tramos pola estrada e presumimos de cruzar a península de lado a lado vendo moitos paisaxes diferentes. Uns só peregrinan uns días, ou só os días que non chove, ou van facer unhas poucas etapas ao ano, outros fanno forzando ao máximo, outros prefiren parar, ver, fotografar e pousar en todos lados. Uns márcanse etapas e outros van sen plan previo nin itinerario. Algúns seguen o camiño e outros veñen de calquer lado do mundo. Un italiano ven de Milán (recordades a ese fenómeno?), un borrachín ven de Asturias coa filla de 11 anos, un de Valencia fai yoga diante das igrexas, uns de Valladolid buscan ruta alternativa e hai quen vai cantando polas costas arriba. Están os que van cedo á cama e os que prefiren coñecer un pouco máis a vida vila en que descansan. Os que estiran e se botan cremitas, os que se reservan, os que van a lume de carozo como se non houbese mañán e os que botan un pitillo en canto hai oportunidá.
En lugar de xulgar o mérito da ruta de cada quen debíamos de aprender que cada un o fai como quere (ou pode) e disfrútao á súa maneira. Debemos respectar o que significa para cada un o camiño porque seguro que a satisfacción do que levas ao lado poderá ser maior ou igual aínda que só faga un día de camiño.
No noso propio equipo as ideas sobre a pelegrinaxe eran moi diferentes. Dende o primeiro día houberon desacordos pero creo que non vin ningún grupo de máis de dúas persoas que fosen máis xuntos e coordinados do que nos. A partir do terceiro membro ciclista víase como marchaban a distancias enormes entre si ou mesmo decidían separarse e facer o camiño de forma independente. No noso caso houbo reagrupamentos constantes e só se permitiu separarse moito nas subidas moi longas ou nos quilómetros finais das etapas. Todos cedemos un pouco no que preferíamos para poder seguir sempre xuntos.
É de destacar que planificamos un plan de ruta esixente por non ter un día de marxe por se había incidencias. Entre 14 sempre hai incidencias. Uns andan a diario en bici e outros case nada, uns prepararon o camiño e outros non, uns van a spinning entre semana e outros van comer empanadillas aos toneles. Uns levan a vida na bici e outros só dous anos. O caso é que chegamos todos xuntos: non sei se é a nosa capacidade de sufrimento fronte a molestias e dores, a solidaridade ou a vontade pero creo que nos comportamos como un verdadeiro equipo.
Non vou a excederme describindo a emoción de chegar xa que todos o saberedes ou o imaxinades. Cando subíamos as rampas do monte do Gozo pedaleábamos presos dunha excitación que fixo que nos dedicásemos a sprintar polas empinadas costas no medio de moreas de camiñantes. Tras tentar seguir a Racso e Diego nun par de apretóns relaxeime un pouco e foron chegando o resto. A miña sorpresa foi, na última rampa de subida, ao ver o ataque o fai “Da toxeira”: un bo sprint tras case 800 quilómetros de ruta.
Xa arriba fixemos a foto de rigor. Espero que a fotógrafa limpase ben as mans xa que viñamos de rirnos ao vela ocultando o blanco cu de miradas indiscretas descargando a vexiga no Monte do Gozo.
Chegamos a Santiago con orde e entremos na Obradoiro polo Norte, entre o Hostal dos Reis Católicos e o pasadizo onde hai un gaiteiro tocando todos os días do ano. Unha morea de amigos saúdannos con alborozo e só apetece xa abrazarse e tumbarse. Xa non temos nada que contar, só queda disfrutar do momento irrepetible.
Case todos foron buscar a “compostelana” pero os paganos da miña familia fomos de cervexas e tapas por Santiago. Estou seguro de que son moitos máis os que lle dan pouco valor ao que se pregona nas igrexas pero entendo a ilusión de posuír o costoso documento.
Seguro que todos oistes falar do facho, en Donón, e das aras en honra ao deus Berobreo que alí se depositaban tras unha peregrinación. San Andrés de Teixido, os Milagros de Amil, Fisterra, subir en procesión aos Remedios ou ir comer a Hermelo, os musulmáns á Meca e os que van a Roma. Estamos rodeados de pelegrinaxes. Estes ritos teñen que ver coa espiritualidade en xeral e non co cristianismo. A maioría mezclan ritos anteriores ao cristianismo que despois foron tolerados pola igrexa e adaptados pero non peregrinas por un Santo nin por un perdón. Peregrinas por buscar e aprender algo de ti a través da experiencia do camiño.
Facer o camiño non é a busca dunha indulxencia aos pecados pero tampouco se trata dunha ruta turística sen máis. É un descobremento persoal no que cada un debía de aprender algo.
Espero que todos aprendérares algo. Pola miña parte, algunhas cousas das que aprendín están reflexadas nestes textos que con pracer compartín con vós.
Bo Camiño.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s