Nisto da bici sáenos ás veces o gen autodestrutivo e anda unha idea potencialmente dañina a dar voltas na cabeza… non a sacas de aí ata que a pos en práctica.

A pesar de andar un pouco xusto de forma, convencín ao Dewi para explorar unha ruta, para unha posible quedada futura, un reto novo e orixinal. Tras investigar no wikiloc, atopei unha proposta, dun tipo de Chapela para ir de Vigo a OURENSE. Non puiden contactar con el así que, á aventura, a fiarnos do noso amigo de Chapela, que odiaremos co paso dos kilómetros.

Planificamos o tramo de Redondela a Ribadavia, 80 dos 125 km. Só restaría vir de Vigo (ruta da Auga) e o final a Ourense (en teoría bastante suave).

maperfil

Arrancamos ás 8.50 nos Valos, onde a ruta da Auga cruza coa N550, salvando así a subida ata os 200 mts de altura. Eu afrontaba o reto ben cargado cos meus 80 kilos (e pico), a miña endurera de máis de 14 e unha despensa de comida no lombo (auga, 2 mazás, plátano, duas cocacolas, unhas 10 barritas e repostos para chegar a China).

O comezo do percorrido non deixa nin aclimatarse, tras cruzar un reghato ben chulo ghabéase por costas verticais de asfalto entre aldeas e nun kilómetro xa se pasa á pista de terra. A subida tórnase moi dura e bastante rota, chegando aos 550 metros en menos de 4 kilómetros, cerquiña do monte Galleiro. Jose, curva á dereita, prepárate! Efectivamente, cada xiro á dereita o camiño empinábase despidadamente.

O outro lado do monte non viña con mellor pinta. Pensamos que serían baixadas levadeiras por pista, pero evolucionaron de seguido en rotas e pedregosas. Despois estreitábanse e comezaban a aparecer silvas, ramas e paus, o camiño mesmo ameazaba con morrer entre as xestas. Finalmente non foi a peor e voltamos á civilización por unha aldea meténdonos no eido dunha casa por desorientación, para continuar cun tramiño de case dous kilómetros de asfalto, o segundo deles xa de novo en subida sen tempo sequera para baixar as pulsacións. Aquí comezábamos a referirnos ao que colgou este track en internet como o sicópata, o malnacido, que non ten amigos…

CAM00681

A subida suaviza ao entrar nun camiño bonito, para cruzar un regato a pé por unha ponte de medio metro de ancho, nun paraxe precioso de muíños e presas. O menos bonito foi empuxar a bici por unha especie de cauce seco e a piques de ser tragado por silvas por uns 200 metros. Os seguintes dous kilómetros de subida irán por pista de terra entre eucaliptos, doado. Vou pensando que os kilómetros pasan lentos, non hai espacios con treguas, cada metro ten trampa, ou máis ben encanto, é Galicia.

Pero sorprendentemente, entramos nun tramo de case 20 kilómetros, case todos por asfalto, pero sempre por estradas aílladas e despoboadas, moi tranquilas con espectaculares vistas cara a zona de Mondariz e Ponteareas. Ao comezo imas llaneando pola parte alta dunha montaña e continúase cunha baixada rápida cruzando aldeíñas para abaixo e despois para arriba, por veces con rampas moi duras, cruzando entre casas vella e restos de bosta e centos de cans incansables, escandalosos e a miúdo ceivos. No km 33 crúzase unha aldea con bares abertos. Hai que aproveitar esas oportunidades. A ruta non anda escasa de fontes, pero hai que ter coidado coa comida porque non vimos un só sitio aberto excepto aquí.

CAM00675

Súbese alternando rampas duras de terra, empedrados e asfalto ata que no 35 se abordará unha subida de 3 kilómetros en terra e moi esixente, algo rota, nunha zona bastante despexada xa de árbores co sol mallando xa con forza. A ascensión conduce a un kilómetro chan pola mesma pista, e tres kilómetros de baixada ata chegar a unha Praia fluvial moi ben equipada, con camping e todo! Pero sen bares á vista. Nesta baixada estiven a piques de ser estampado por un camión, un trailer para madeira. Baixabamos rapidiños polo noso carril e él subía ocupando a calzada enteira…. eu derrapando e él coas rodas chiando para apartar e deixar paso, coleime por un chisco. Incrible pero, cada día hai xente que tropeza cunha morte estúpida por culpa doutro.

Tras a segunda praia fluvial comezan a pesar os kilómetros. Abórdase unha subida moi dura por asfalto dun kilómetro e outros 4 rompepernas, cun pouco de todo. Pódese chegar á ponte medieval, que é preciosa, pero a baixada é unha tortura moi perigosa. En bici é impracticable e a pé moi perigosa porque ten un empedrado moi deteriorido, máis ben parece un cauce de río esbaradío, húmido e enlamado. Polo outro lado do río, a subida ten case un kilómetro moi esixente nun agradable camiño entre carballos. Xulgade por vós mesmos: o camiño é criminal, o lugar ao que chegas de carballos, augas verdes e profundas cunha ponte espectacular que enmarca este recuncho excepcional.

CAM00679

A continuación toca abordar por fin a longa subida que nos levará á frontera entre Pontevedra e Ourense. Son nove kilómetros por asfalto, sen grandes rampas, máis que un par ao final. Supéranse 650 metros de desnivel sen descanso. Non é moi dura pero a min, o paso dos kilómetros e sobeesforzos fixéronme sufir moitísimo, estaba destrozado, ata que chegamos á cima, preto de monte Faro, a 1050 metros. Pinchei uns metros antes da cima e Jose, que me viu sin folgos, tivo que inflar a roda por min!

Dende aquí quedan 20 kilómetros de baixada, por pistas asfaltadas e de terra, metade e metade, máis ou menos. Hai que facelos con precaución, pola velocidade vertixinosa que se acada. Jose case se sae nunha curva, e eu quedei un intre sobre a roda de adiante tras rebotar ao cruzar un paso canadiese!!

Hai algún tramo ben bonito na parte de abaixo, onde xa se vai sentindo alegría da misión cumplida a medida que se vislumbra o encoro de Castrelo de Miño, cada vez máis cerca. Como pequeno capricho, damos un paseo llano por Leiro, na beira do río Avia para dirixirnos cara Ribadavia, a comer, beber e darnos un merecido remollo nas termas de Prexigueiro, que resultou que pechan os Luns (gran decepción).

CAM00682

En resumo: dura, durísima ruta para min. Faise cerca da metade por asfalto, pero agradécese, se non sería inaboradable para nós. Foi un gran reto, moi satisfactorio, pero hai que ir preparado e non esquecerse de levar comida abondosa xa que non hai onde comprala. A auga non debería ser un problema se es precavido e vas enchendo en cada fonte. Tamén hai que ter en conta o lonxe que se pasa de toda vila importante así que non hai escapatorias doadas. Moito coidadiño tamén nas rapidísimas baixadas da vertente de Ourense.

O track é un trozo que sacamos de aquí:

Enlace ao track completo de Vigo a Ourense.

Advertisements

Seica a o Morrazo estivo ateigada de castiñeiros ata que no século pasado, a tinta, levounos todos por diante. Só a plantación de exemplares híbridos, medio xaponeses, disque os protexe nas zonas máis baixas, libres de xiadas. A enfermidade prudúcea un fungo, igual ca noutras doenzas de vexetais que levaron moita fame polo mundo, boa parte delas pódense combater tamén con fungos.

Un vello no Courel contoume que as vermellas son as mellores, sobre todo para asar pero que as brancas secan mellor e así duran todo o ano. As presas sempre se botaron aos porcos pero como son máis grandes e bonitas, son as que máis se venden nas froiterías. Recórdame o triunfo da pera conferencia, que se conserva mellor que a limonera, da que me enchía de pequeno, embriagado pola súa dozura apañándoa da árbore que presidía o eido de meus avós, en Gruncheiras.

Non é unha excepción, a maioría da comida que mercamos é a dos porcos. Cultívanse híbridos resultantes de manipulacións xenéticas que dan froitos regulares e doados de conservar, perfectos se importa só a cantidade, non a calidade. Os resultados son froitos grandes e desaboridos, sen marcas nin deformidades, tan homoxéneas que semellas saídas dunha fábrica.

É tradición comer castañas con ese viño ácedo, case non fermentado na festa que se fai arredor da igrexa máis antiga no Morrazo, o San Martiño. O porco é tamén estrela desta troula desmedida. Chega xente de toda a comarca. Mantense a tradición de que o momento máis grande é a mediodía, que en poucas romarías máis se conserva no Morrazo. Recordo que comer á rastrela, cargando con olas e fontes durante kilómetros era o máis grande da Festa de Hermelo, ese sí, o emprazamento máis antergo dunha igrexa cristiana no Morrazo. O plan era comer tumbado no monte, baixo os carballos, e rodeado de xente cantarina e trouleira.

moana-iniciaUnha foto dun furancho, do Faro de Vigo. en primeiro plano unha clase práctica de agharre de tasa de viño.

Agora esas carballeiras están cheas de silvas, as de San Martiño deberon desaparecer, aínda que alí non ía de pequeno. Dame a sensación de que antes a xente bebía para aproveitar o momento, envalentonarse, enbravecerse e arreglar os problemas e os negocios nas poucas horas que duraba a festa, a berros, a hostias ou polas malas.

Seica neste último San Martiño apareceron inspectores de sanidade polos furanchos. Nalgún deles largáronos a castañazos do local, non me sorprende que usasen castañas, seguramente eran das compradas, das presas, que coa comida non se xoga, perfectas para os porcos. Andaban camareiros a escapar correndo polas veighas, e os inspectores dirían na oficina ao día seguinte: “unos salvajes, que gente tan incivilizada!”. Nos furanchos non hai contratos, hai palabra, e vanche pagar ben se a cousa vai como ten que ir e non eres un lacazán. Serán tres días de choio esgotador, o tipo de traballo do que os inspectores quixeron fuxir cando prepararon a oposición. Igual o ano próximo veñen de sanidade, e determinan que todo isto é insalobre, non sei como a xente segue viva, celebrándose tal salvaxada dende o século XII. Terán que ir á asesoría para ter os papeles en regra, pagar un mensaxeiro, os dereitos de formación (para que os sindicatos a organicen), a seguridade social e o salario dos políticos que presiden a misa solemne.

1450352_10202558037054885_864763428_nQueimada en San Martiño

Iso trouxo a modernidade a San Martiño, castañas presas, vagos que se creen moi listos, e asesorías para sacarche os cartos. Seica é vo para a economía, que se moven máis sectores, máis interrelación e máis comunicación. Se houbese menos parásitos vivindo dos que realmente producen, ighual viviríamos mellor traballando un pouquiño menos.

A taberna O Rincón, esa histórica sala de oracións tabernarias, referente do solemne chiquiteo cangués reabriu fai un meses, levado pola familia, como non podía ser menos, coidando da memoria, dos vellos símbolos e tamén animando con algunhas ocorrencias da xente nova. Paco agasallounos cun lugar lexendario para reunirnos, sentirnos cómodos e moitos domingos de concertiño na rúa Cega. O último fin de semán un trío de Jazz de prestixio improvisa ante medio cento de amigos de tódalas idades, animados na hora do vermú. Achégase un trío de jodechinchos abraiado coa escena. Saca unha cámara de máis 1000€, tira unha foto de tan magnífico encadre, os músicos nunha vella e estraña rúa sen saída, a xente nas escadas das típicas casas de patín, á sombra que acolle nas estreitas costas da vella vila mariñeira…e os jodechinchos marchan coa súa foto sen probar a escoitar, falar, vivir, beber ou entender. Imaxe

Eu non son parte do atrezzo, non son un extra dun espectáculo para turistas. Os visitantes veñen e coleccionan imaxes tiradas con estrafalarias máquinas que non saben nin manexar,  para fardar se supertecnoloxía, consumen vistas que non entenden, e aínda nos deberemos preocupamos de se lles parecerá bonito. Fan unha colección de estampas típicas. E despois os pailáns esfórzanse de aquí por ter listo o escenario para a representación. As leis urbanísticas, de comportamento, sobre usos e construcións só se preocupan desas estampas, de eliminar o feísmo, de proclamar a uniformidade, o tipismo, o enxebrismo, o decorado para o noso público temporal. Que máis ten o que é útil? para qué ou como, a súa historia, hai que estar listo para a representación: fora jalpóns, abaixo os somieres, tapade os ghaliñeiros e non poñades a man na casa, é inviolable, o color das fiestras, o material das portas… un dous tres, acción. Imaxe

O fundamental é estar listos para que nos tiren as fotos, só valemos como modelos. Viaxar para coleccionar, acumular e consumir cousas, sitios, fotos, traxectos. Non hai nada que entender destas sociedades atrasada, só podemos deixar unha pegada da súa arcaica e decadente forma de vivir, á noallea sa racional e saudable urbe chea de servizos, negocios e franquicias. Non te achegues a eles porque non razonan, pensan que hai que estar apegado á terra, negarse a intercambiar un barrio por outro, a desfacerse dos bares de sempre. Pechade as orellas, fai a foto e colecciona máis estampas das próximas tribus a exterminar por improdutivas.

Fai uns días unha familia chamou á policía local pa espantar da praia de Laghoelas a uns que tiñan uns perigosísimos cans, tan só ladraran á distancia a unha nena mexericas e malcriada. Sorprendeume que cheghasen o gardiáns da orde a un areal tan apartado e de recoñecida tradición nudista.

Non se conformaron con mandar subir ás pedras aos cans (prohibidos nos “areais”) senón que embriagados de poder, adicáronse a ordear vestirse ós nudistas porque “é delito diante de menores” andar sen bañador. Por desgracia non me sinto cómodo sen bañador (considéroo unha debilidade absurda) pero admiro a quenes o fan, é a forma máis cómoda e natural de pasar un día de calor á beira do mar.

A miña OPINIÓN: non vexo problema en amosar pirolas e conas en lugar de ocultalos con minúsculos bañadores que os insinúan grotescamente. Xuntar nudistas e textiles é coerente, danme o mesmo noxo os que pensan que o nudismo manca e os talibáns que fan pintadas en praias nudistas pa espantar textiles.

Dende o punto de vista LEGAL. Cangas ten unha ordenanza ridiculamente longa sobre praias (23 páxinas) con normas tan pintorescas como prohibir as sombrillas cubertas nos laterais ou deixar obxectos para reservar espacio no areal…. a maioría dos concellos regulan as prais con menos dunha páxina, dentro dunha normativa xeral sobre convivencia que se preocupa máis de botellóns, ruídos e cacas de cáns.

Nas 23 páxinas de ridículas normas non hai nin unha soa mención ao nudismo, por tanto non o prohibe.

http://www.cangas.org/pdf/ordenanza_praias.pdf

Na descrición das praias que hai na páxina web do concello define unha sola como nudista, pero esta información non é unha ordenanza nin acordos do pleno, así que non conta como norma nin comporta pena ningunha.

http://www.cangas.org/praias_cangas_gal.php

A lei de costas non contén ningunha regulación sobre vestimenta no espazo marítimo-costeiro.

O código penal define o delito que eshibicionismo no artigo 185 como:

actos de exhibición obscena ante menores de edad

Tras consultar varias fontes, algunhas moi reaccionarias e críticas con esta lexislación, queda claro que nunca se comete este delito a menos que haxa intención clara de provocación e exhibición sexual a menores ou discapacitados psíquicos. A desnudez en si, sexa onde sexa, nunca pode ser castigada se non se demostra unha intención voluntaria de provocación sexual, ir nú non é delite nunca, a menos que o indique unha ordenanza municipal.

Por tanto o nudismo non é nunca sancionable se non hai unha ordenanza que o prohíba nin intención comprobada de provocación sexual a menores.

Conclusión: os municipais chulitos viñeron a impoñer a súa moral creando conflictos onde non os había. En lugar de evolucionar cara unha sociedade máis tolerante e razoable hai quen promove absurdos prexuízos feitos para recordar que o corpo non nos pertence a nós mesmos, que un pene ou unha cona son demoníacos, que falar deles e do sexo é sucio, e que o noso físico que debe ser preservado en segredo, que a desnudez é sexo e provocación, que como animais que somos xustifica as agresións sexuais, a lei do máis forte… menuda fábrica de complexos absurdos! Se os únicos desnudos da nosa vida é o das pelis porno, só conseguimos mitificar absurdas crenzas sobre o corpo e a nosa miseria física, que viva un nudismo xa e sempre!

En resumo, volvendo ao comezo. Se o teu can non sabe comportarse, está inquedo ou é agresivo, mellor déixao na casa e atúrao ti ou o resto hancho facer ver e han avergoñarte. Coas pirolas pasa o mesmo.

O sábado pasado déusenos por facer exercicio extremo, unhas 10 horas, nun día de calor brutal pero cando vin o ambiente que era tan pro da saída, que pensei para min, este ano acaba todo o mundo. Pero de repente alguén dime na inscripción que leva un mes sen tocar a bici e póñolle unha X moi grande na miña lista de candidatos a pájara extrema. Meu irmán dime que non, que este anda forte… xa veremos.

Tamén anoto aos dos botellíns de medio litro no listado de  2complexo de camellos con tendencia a sufrir lipotimias” e a os máis cachitas que lles gusta andar lucíndose con desarrollos de contrarreloxio e tomar bebidas marróns e espesas, nas candidaturas a acalambrados.

Despois están os que quedarían escaldados días despois, que pensan que botarse cremita solar é de mariquitas e agora aínda están perdendo capas de color camarón polas esquinas. Por sorte hai xente práctica, que utiliza medidas de protección.

Imaxe

Vexo presumindo de que as teñen máis grandes, aos das 29” como sempre. Creo que se cren máis guapos e altos porque xa que din se sentirían ridículos volvendo á 26, qué humillación!

Imaxe

Para pagar, só tiven que ir coller polas orellas a un par deles que se escaqueaban, pero téñolles os carnés anotados, que un é veciño de Coiro e outro  do Hío. Moi poucos inscritos non deron a cara ese día: total para facer a ruta así xa hai que estar medio tolo, xa facela a 35º, que máis da.

Despois está o ciclista perfecto: guapo, estilizado, razonable, sorrinte. Xa vai vello para o meu gusto, pero  qué elegancia no pedaleo, aínda que o confundan cun animal do monte, igual o é e durme nas carballeiras, entre lobos e raposos.

Imaxe

O seu antagonista é o quen ven coa bici averiada, malamente inscrito, pérdese á primeira, anda de adianta pa atrás, e coa bici máis gorda e pesada que atopou na casa. Todos te queremos tal e como eres pero, que pacienciña hai que ter!

Imaxe

Xa hai quen propuxo chamarlle “a ruta das fontes” porque eu non me decatara de que había tantas. Eran doadas de localizar, bastaba con buscar unha aglomeración de tipos cheos de polvo no medio do monte e xa vías a fonte no medio.

Imaxe

Hai quen se queixou do exceso de paradas nas fontes: e ten razón, 65% de abandonos é insuficiente, queremos cadáveres cheirentos pegados a carreteras abrasantes! Un día gustaríanos conseguir un 95% de abandonos, a ver o libro Guinness dos records, ata onde temos que chegar se queremos ser realmente lexendarioooooos.

O gran nivel do pelotón dese día nótase en detalles, como o uso de ferramentas de precisión, de última xeneración, para as reparacións máis complicadas.

Imaxe

O tema das fontes deu moito xogo, e algúns pensaron que viñan de spa. Creo que nalgúns deses pilóns non se volverá a lavar roupa branca nunca máis.

Imaxe

Aquí temos a un que debe estar acostumado a bañarse na pisciniña hinchable do sobriño.

Imaxe

Tamén había sitios apropiados para bañarse, quizais sexa a nova xeración de bañadores legalizados pola FINA, para chegar ás bateas sen esforzo.

Imaxe

E como solución extrema sempre poderemos botar uns largos en Castiñeiras e de paso pelearnos cos patos por unhas miguiñas de pan.

Imaxe

Pero imos xa avanzando kilómetros, Chans de Cela semellaba escenario para a temporada 17 de Walking Death, a venganza ciclista! Non podía crer que aínda sobrase comida, xa empezaba a preguntarme se realmente non nos quedaran perdidos no monte. En todo caso os que faltaban non se botaron de menos así que non debían ser importantes. Algúns estaban en corpo pero non en alma.

Imaxe

Outros, xa non se sabía nin onde estaba nin o corpo nin a alma. Lost.

Imaxe

A dopaxe estaba á orde do día, sempre se pode improvisar para conseguir un subidón de azúcar.

Imaxe

A partir deste punto están os que recoñeceron a derrota, os que pulsaron o botón de averías que traen algunhas bicis, e os que atoparon disculpas do máis inverosímil: repentinamente teño que ir a Oporto, a parienta está afilando o cuchilo, unha despedida de solteiro, cena irrenunciable, cambiarlle a auga ao bacalao de remollo….claro, claro. Que o día do GR era no que todos tiñamos a axenda máis cargada que o presidente do FMI.

Imaxe

Entrando na parte das praias, non me esquecerei do mangueirazo de Malayo en Tulla que me despertou da miña ensoñación. Viña atolondrado despois de atopar á beira do camiño a unha xovenciña de enormes, voluptuosos e desnudos peitos apuntándome con malicia. Cantas bromas sobre camelbacks dianteiros e alimentacións equilibradas a base de letie tivemos nos seguintes kilómetros!

Imaxe

Baixando a Barra tiña planeada unha incursión no bosque de ameixas e longueiróns que por alí crecen e poñer o meu a remollo. Mágoa da hora, e a vergonza mostrar o meu cú hiperescocido en público.

Imaxe

A outros non lles importa, debo recordar unha imaxe que segue a visitarme nos pesadelos. Dous ciclistas parados nun lugar apartado, un co culotte baixado e cú  en pompa, outro cun bote de substancia viscosa na man… se a min non me parece mal, pero en medio da rutaaaa, hai que ter visioooo!

Imaxe

O que me gusta máis destas rutas é a cara de psicópatas que nos queda, pero para unha foto, ben se pode disimular, sorrintes como se non fose nada.

Imaxe

(ao da X moi grande acompañeino na parte final da subida a Pastoriza completamente asfixiado).

Aínda que esta crónica vai con coña, vai de cousas que hai que tomar moi en serio para poder seguir bromeando. En Aldán, na panadería houbo un desmaio, e tróuxome á cabeza imáxenes terribles deste ano: un recordo sempre para Pichón, botámoste de menos.

O 6 de Xullo foi escollido, entre todos os días do ano, polo Sol para arrasar o Morrazo máis ca nunca e poñer a proba as ganas de GR59 que tiñamos. Por suposto que a algúns pasóusenos pola cabeza a cancelación da kedada, pero non chegamos mencionalo nin cos máis íntimos, para non parecer o máis galiña, somos ben cabezóns! Unha noite con 26 graos de mínima invitaba máis a ir de copas que á cama así que non costou levantarse ás 8 das sabanas sudadas e pegadas ao corpo tras unha noite de maldurmir.

IMG_6646

Non faltou case ninguén dos case 68 inscritos, gracias pola seriedade. Apuntouse algún a última hora, supoño que a cifra final roldaba os 70 en Cangas, ás 9.30.

IMG_6651-3

Saímos con só 10 minutos de retraso e o sol xa queimaba a pel. Pronto descubrimos o rápido que se acaba un litro e medio de auga, que as innumerables fontes eran unha bendición, imprescindibles para salvar este GR. Dende o comezo cada fonte era un tesouro. Pareceume que acadamos un ritmo bo en xeral pero con moitísimas paradas, calculamos 8 horas pedaleando e, 4 parados! As medias saíron en 12,5 e está moi ben para a dureza da ruta: uns 2500 mts de desnivel de subida acumulada!

Chegamos enteiros e bastante agrupados ao lago de Castiñeiras, primeiro gran reagrupamento no km 30, a excepción dun par de grupos con avarías. Todo o mundo parecía animado a pesar dos 35 graos e duras costas que se superaran. Xa disfrutáramos de boas vistas de Moaña dende Broullón e da enseada de San Simón ao rodear Cotorredondo.

No camiño ata ata alí xa apareceran un par de participantes perezosos e houbo unha retirada por unha urxencia familiar. Non se podía aínda prever a ringleira de abandonos que iría provocando a subida de Marín.

IMG_6699

A baixada do lago foi este ano doada, rápida e sen caídas importantes As marcas deixaron aos organizadores máis despreocupados que outros anos, aínda que desapareceran un par delas.

Os seguintes 6 km, de Marín a Pastoriza, foron o inferno. Na hora de máis calor, da parte máis dura da ruta máis dura houbo desfallecementos, calambres, averías….como sempre o último kilómetro costaba subilo incluso a pé, a rampa final de monte Bermello, coa ría aos teus pés, deixou os termostatos ao borde da explosión. A subida era un ronsel de almas loitando contra a calor que saía do asfalto e caía pesado do sol, as rampas de terra polvorientas e sen unha miga de brisa que movese o aire viciado por horas de sol abrasador.

IMG_6723

As caras no avituallamento, en Chans de Cela eran de peli de zombies. Xente tirada, sen ganas de comer, sen forzas nin fé en rematar a ruta. Un par de acalambrados, dous ou tres con pájaras.. custou moito volver a poñer a xente en marcha, pese á promesa de baixadas que acabarían levándonos ata as praias. Calculo que houbo un mínimo de 20 abandonos que escaparon nos kilómetros seguintes, chegando ao avituallamento de Aldán só uns 42 dos 70 que comezaron.

056

Para min un dos momentos máxicos da ruta, sempre é polo kilómetro 60, a entrada á Praia de Tulla, a primeira das praias. Mellor aínda este ano gracias ás xenerosas mamas dunha bañista á beira do camiño, iso si que provocaba… sede, fame, e luxuria.

IMG_6742

100 metros máis adiante Malayo bautizounos a golpe de mangueirazo milagroso. Despois viñeron a Mourisca, Lagos, Area de Bon e Aldán: tadas repletas de bañistas mirándonos con cara de estrañeza.

A partir de aí pasei os meus peores kilómetros, totalmente desfalecido na miña parte favorita do GR. As pequenas subidas ata Aldán foron infernais e non paraba de dicir que abandoaba tras a panadería.

Alí levamos un gran susto cando alguén se desmaio no meu lado por uns segundo. Levouno Sera a Cangas e xa pensaba coller o coche… e volveu desmaiarse. Finalmente tras un descanso, bebidas e alimento puido saír sen máis complicacións.

070

Un bocata e cocacola despois, e coa insistencia e ánimos, decidín proseguir e non me arrepentín. Subín toda a calzada romana do tirón. Para min o segundo lugar máis máxico da ruta é a entrada na costa da Vela a Través de Donón, nun dos tramos máis bonitos en que se pode ciclar por Galicia. Aí sabes que o conseguiches, que has completala aínda que sexa a rastras.

IMG_6790

Tras o paso polo faro de Cabo Home baixamos á barra e comezamos a nosa particular pelexa cos sendeiros areosos das praias máis populosas do Morrazo. O final de ruta, este ano polo sendeiro da costa, foi unha guinda espectacular.

IMG_6794

O horario de chegada, pasadas as 10 da noite para min co grupo de cola da conta da dureza, con máis de 12 horas transcorridas dende o momento da saída.

IMG_6780

Aínda estamos botando contas de cantos acabaron, contamos uns 30, para o ano próximo imos facer un photocall final no riló para montar un póster de recordo cos que acabaron. En todo caso foron menos da metade, bravo a todos os que vos atrevestes a saír da casa e coller a bici nun día así.

Polo camiño quedaron requentados, acalambrados, esgotados.

IMG_6760

Un ano máis, foi un pracer honrar este fantástico percorrido, este escaparate do Morrazo con todos vós.

Engado enlaces a galerías de fotos que colgaron:

As de Alex:

https://plus.google.com/photos/114464373746464960717/albums/5897990810023921377?banner=pwa

As de Racso:

https://plus.google.com/photos/112405063109407409699/albums/5897813545610485153?banner=pwa

As dos Globeros Galaicos

https://picasaweb.google.com/LuisTestera/20130706?authkey=Gv1sRgCLDr3obgzuiITQ

Para ver ou descargar o track:

http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=4738718

Imaxe

A receita debe ser preparada seguindo as instrucións con rigor.

Ingredientes: ovos, pan de millo, aceite.

Materiais: sartén, espumadera, prato, garfo.

Preparación: fritir os ovos. Na mistura pódense utilizar múltiples artiluxios de cociña para desfacer pan e ovos. Eu recomendo aplicar o garfo con enerxía ata obter a mistura desexada.

Cantidades: nun mundo con ovos da casa, cada un do seu tamaño, en que non medimos o grosor do gran do pan nin é preciso ensinar o evidente… a ollo. Non excederse co pan nin na fritura para que a mistura quede húmida polo efecto da xema do ovo.

Sabor: a min sábeme a ser neno nas vacacións en casa dos avós de Coiro despois dun longo día de trasnadas cos primos, sabes ás tardes de verán que seguiron sardiñadas con pan de millo. Sabe a casa e a non ser pretencioso buscando ingredientes exóticos para aparentar ser sofisticado. Sabe a galiñas fedorentas e medio desplumadas e despelexadas polo galo, peteirando e facendo buracos na terra, cagando no que comen.

Presentación: unha vez esmaghuchado a conciencia… papar sen máis. É que fai falla algo máis?

Xa sabemos todos que algún día un gran chef amosaranos este prato coma un descubrimento excepcional, froito da recuperación da cociña tradicional máis perdida e prepararao con pan de millo tranxénico, ovos de galiñas mutantes e daralle un toque de caramelización, nitroxenización ou deconstrución. Tamén porá especias da china e unha salsa de caracois en celo…

Bueno, alá vós.