Este ano tivemos un inverno “como os de antes”, como soen dicir os vellos. Supoño que este verán tamén está sendo como os de antes. Non hai máis de tres días sen chuvia, ou sen sol, ou usen nevoeiros e ou sen perder de primeiras no mundial fútbol, ou sen un partido político que diga que vai faser a revolución, un tour de Francia onde os españois son uns pupas, ou un rei que as vellas din que é moi ghuapiño… como os de antes!

IMG-20140720-WA0000

Un verán máis, e xa van 5, empeñámonos en que o GR59 merecía ser compartido. Quixemos facelo así, ó noso xeito, informal, de bo rollo e farturento, como as papatorias familiares. A reventar, como se non houbese mañán! Dinnos de facer inscricións cun pago previo. Eu prefiro deixarme de bancos, e se non somos quen de organizalo así, unha vez ó ano, non sei se paga a pena facelo. Non houbo novas dunha ducia de inscritos, e ó final as contas cadraron, moi xustas pero cadraron.

É incrible ver como contas con xente que se ofrece voluntaria sen nin sequera pedirllo, mesmo se enfadan porque se comezou a idear o plan de acción sen avisalos! Atrás quedaron días de limpar tramos, revisar o percorrido e facer pequenos cambios, podando algunhas silveiras rebeldes e percorrer todo o Morrazo armados de sprays de pintura. Seica nos quoxo denunciar o da asociación de veciños da Portela por pintarlle a estrada… volvemos o día seguinte e pintámoslla igual. Se chegamos a saber onde vive, igual lle pintamos algo máis ;-).

Arrancamos da casa para o riló ás 8, ríndonos do temporal da noite pasada e do chaparrón que aínda caía sobre as nosas cabezas. A tarde anterior fora movida, indo arrasar a mazanceira da casa e a exprimirlle ata o último ovo ás galiñas da casa para o noso avituallamento. Enchemos as nosass nosas perolas de pasta, e ese día non se comeu cocido en Cangas, as ollas grandes estaban todas no GR. Houbo quen confundíu a pasta cun polbo e tróuxoa con sabor a cobre. Tranquilos, esa desbotámola, a próxima vez ecargámoslle unhas racións de rico cefalópodo (para quen lle guste, a min non).

IMG-20140718-WA0004

É de agradecer a puntualidade de case todos e alegraba ver a gran cantidade de coñecidos e repetidores que había por alí. Mesmo apareceu xente de paisano, que só viña para pagar a inscrición e volver á cama! Aínda así, saímos case 100, un fermoso grupo para facer a nosa particular animalada estival.

Poida que se notase algo a improvisación do primeiro metro. Tiñamos planeado cada centímetro dos 103 km de ruta, excepto os primeiros 200 metros para saír de Cangas. Decidiuse tirar pola rúa real arriba. En canto cruzamos a estrada quedeime á cola acompañando a Pablo, Besbello e Jose Ramón (o do Quad). Un grupo do Armenteira comezou a tirar do grupo de adiante con enerxía, para coller calor dende primeira hora, nunha mañán que ameazaba chuvia. Así foi ata mediodía, despois as nubes rendíronse á evidencia: non ían poder con nós. Nas primeiras horas aínda se incorporarían 3 ou 4 ao percorrido mentres eu vía na cola que o ambiente non era como outros anos, había un nivel de carallo.

Nada de paseíño acompañando aos débiles e perxudicados da cola, alí só atrapábamos averiados que saían como lóstregos tras rápidas reparacións. Con dicir que atopei a Rockidol e os seus compañeiros de Pontevedra, ou ós Sunday riders na cola! Esa xente anda fortísima, o mundo do revés. Os Jarabullobikers cos que fun nos últimos 15 km tamén nos levaban coa lingua de fora.

10363908_10203691744069693_7174114198390558139_n

O terreo invitaba a rodar forte tras as chuvia da noite, nada de lameiras pero algunha flecha quedou medio borrada polas riadas. En Castiñeiras xa non había ninguén ó chegar. O próximo ano temos que levar alí algo do avituallamento. Pero xa vin nas fotos hai quen o tomou con calma: estes coruñeses saben moito do mundo da tapa e das cervexas.

P7190045

A baixada a Marín é rápida e divertida. Abaixo aconsellamos a uns de Moaña uns atallos porque xa nos viña alí a parte máis dura. A primeira rampa entre viñas cóllete desprevenido. A do asfalto con máis do 30% asombra. Tras a baixada, supérase un río e a pelexar coa terra solta noutro rampón que poucos subirían. A entrada no seguinte tramo de terra, unha putada. Despois un par de kilómetros subindo por asfalto e outros tantos rodeando monte Vermello para chegar á rampa final: 100 mts ao 30%, pero esta vez en terra. Coronar este monte da dereito a disfrutar dunhas vistas enormes mentres se recupera o aliento. Este ano o terreo estaba ideal para subila, creo que houbo moito éxito.

P7190060

Chegams ao avituallamento con antelación ao previsto e tampouco paramos moito a relaxarnos como outros anos. A partir de aí xa houbo un ronsel de abandonos. Algúns estaban previstos, outros non. Non vin acalambrados este ano, pero seica os houbo, Jose Ramón non daba a vío repartindo pastillas de magnesio. En Chansí tiñan todo moi organizado Tuchis, Dewi e Luis. Moi profesional, improvisaron en minutos unha carpa sin unha sola goteira (tiña que aprender algún construtor) e un mostrador self-service de hotel ****. Todos cos que falei, concordaron en que a ensalada en lugar da empanada foi un acerto, pagou a pena o esforzo.

Pola tarde asomou o sol por momentos e dende atrás seguíamos collendo xente con bo ritmo. Baixando de Ermelo, as ríxidas ían rebotando como pelotas, un mesmo perdeu as gafas. Estamos avisados, a ver se hai sorte e se atopán. Chegando ó pazo de Santa Cruz atopeime cunha caída en cadena de catro. Iso é máis propio de ir chunpando roda no Tour de Francia que dunha kedada cicloturista!

P7190097

Ó final do longo e variado descenso, o paraíso, a praia de Tulla.A partir de aquí, os quilómetros xa van pesando de verdade. A subida extra en Bon, foi unha delicia para case ninguén.

P7190105 P

Como sempre, neste tramo vou pensando que non vai haber quen se trague un bocadillo en Aldán pero acaba sentando de maravilla e recupérase tanto física como moralmente. Ademáis alí xuntámonos moitos que case non nos vemos en toda a ruta. Na panadería é tempo de intercambiar sensacións e contar anécdotas. Como a do biker a quen lle picou a abella na entreperna (non direi o nome) e soltou as mans do manillar para espantar o bicho. Como agasallo levou, ademais da picadura, unha caída e avería leve na bicicleta.

P7190127

A parada foi curta, insuficiente para chegar con corpo decente ao camiño romano. Eu, igual que a maioría de arredor, subimos a maioría a pé. Así evitáronse males maiores como calambres por malas posturas. A partir de aquí, a rodar e disfrutar das vistas de cabo Home, xa parecía case acabado. Seguimos acompañados de xente con ritmo que xa sabían que o peor xa pasara. Era tempo de bromas e de rirse do propio cansancio.

P7190161

Xa entre Nerga e Viñó creo que houbo un par de problemas coa sinalización. Non sei se o arrastre da auga tapou frechas ou algo non quedou ben, bueno, tentaremos evitalo na próxima.

Finalmente a cola chegou a Cangas ás 8.40, polo que apenas adiantamos respecto a outros anos (tendo en conta que saímos media hora antes). Igual a velocidade que eu sentín só era imaxinada. Tamén é certo que a cola non atallou en Udra e Cabo Home, como se facía outras veces.

P7190152

Hai que agradecer ó clube de remo que nos deixasen duchas e mangueiras no centro. Tamén as augas do clube Bike O Facho e do Bike ou Non Vai. Unha mención especial á miña nai que alimenta ás galiñas e meu pai que poda e rega a mazanceira e nos deixou encher a cesta. Hai que agradecer a moita máis xente, pero xa sabemos que o fan todos con boa vontade e tampouco lles gusta tanto peloteo!

Fai uns días unha familia chamou á policía local pa espantar da praia de Laghoelas a uns que tiñan uns perigosísimos cans, tan só ladraran á distancia a unha nena mexericas e malcriada. Sorprendeume que cheghasen o gardiáns da orde a un areal tan apartado e de recoñecida tradición nudista.

Non se conformaron con mandar subir ás pedras aos cans (prohibidos nos “areais”) senón que embriagados de poder, adicáronse a ordear vestirse ós nudistas porque “é delito diante de menores” andar sen bañador. Por desgracia non me sinto cómodo sen bañador (considéroo unha debilidade absurda) pero admiro a quenes o fan, é a forma máis cómoda e natural de pasar un día de calor á beira do mar.

A miña OPINIÓN: non vexo problema en amosar pirolas e conas en lugar de ocultalos con minúsculos bañadores que os insinúan grotescamente. Xuntar nudistas e textiles é coerente, danme o mesmo noxo os que pensan que o nudismo manca e os talibáns que fan pintadas en praias nudistas pa espantar textiles.

Dende o punto de vista LEGAL. Cangas ten unha ordenanza ridiculamente longa sobre praias (23 páxinas) con normas tan pintorescas como prohibir as sombrillas cubertas nos laterais ou deixar obxectos para reservar espacio no areal…. a maioría dos concellos regulan as prais con menos dunha páxina, dentro dunha normativa xeral sobre convivencia que se preocupa máis de botellóns, ruídos e cacas de cáns.

Nas 23 páxinas de ridículas normas non hai nin unha soa mención ao nudismo, por tanto non o prohibe.

http://www.cangas.org/pdf/ordenanza_praias.pdf

Na descrición das praias que hai na páxina web do concello define unha sola como nudista, pero esta información non é unha ordenanza nin acordos do pleno, así que non conta como norma nin comporta pena ningunha.

http://www.cangas.org/praias_cangas_gal.php

A lei de costas non contén ningunha regulación sobre vestimenta no espazo marítimo-costeiro.

O código penal define o delito que eshibicionismo no artigo 185 como:

actos de exhibición obscena ante menores de edad

Tras consultar varias fontes, algunhas moi reaccionarias e críticas con esta lexislación, queda claro que nunca se comete este delito a menos que haxa intención clara de provocación e exhibición sexual a menores ou discapacitados psíquicos. A desnudez en si, sexa onde sexa, nunca pode ser castigada se non se demostra unha intención voluntaria de provocación sexual, ir nú non é delite nunca, a menos que o indique unha ordenanza municipal.

Por tanto o nudismo non é nunca sancionable se non hai unha ordenanza que o prohíba nin intención comprobada de provocación sexual a menores.

Conclusión: os municipais chulitos viñeron a impoñer a súa moral creando conflictos onde non os había. En lugar de evolucionar cara unha sociedade máis tolerante e razoable hai quen promove absurdos prexuízos feitos para recordar que o corpo non nos pertence a nós mesmos, que un pene ou unha cona son demoníacos, que falar deles e do sexo é sucio, e que o noso físico que debe ser preservado en segredo, que a desnudez é sexo e provocación, que como animais que somos xustifica as agresións sexuais, a lei do máis forte… menuda fábrica de complexos absurdos! Se os únicos desnudos da nosa vida é o das pelis porno, só conseguimos mitificar absurdas crenzas sobre o corpo e a nosa miseria física, que viva un nudismo xa e sempre!

En resumo, volvendo ao comezo. Se o teu can non sabe comportarse, está inquedo ou é agresivo, mellor déixao na casa e atúrao ti ou o resto hancho facer ver e han avergoñarte. Coas pirolas pasa o mesmo.

Tiña un pouco abandoado o tema da historia pero ás veces haiche cousas que che chaman a atención e faste preguntas, e resulta que haiche algunhas respostas por aí.
Os tolos do mtb soemos meternos polo Liboreiro arriba, onde seica hai algún castro, aínda que ninguén me supo dicir aínda onde exactamente.
Moitas veces acabas no polígono de Castiñeiras, entrando por onde está o puto limpo abandoado (abandoado polos que levan a merda, non polos que a deixan).
Por pouco que te fixes chama a atención unha gran laxe á beira do camiño e algunhas espirais gravadas e ben visibles. Un enorme petroglifo, o máis grande de todo o Morrazo, xace aquí abandoado entre un camiño onde se verte escombro, o punto limpo, a compactadora de basuras e a peor das basuras: a vía rápida.
Bueno, aquí tedes unha reprodución do dito petroglifo, saqueino de Arte rupestre no eixo atlántico de varios autores, 2005, editado polo Eixo Atlántico.

O petroglifo en cuestión non é nada orixinal, e por iso precisamente é moi boa mostra das características e significado que teñen esta especie de altares. O único rechamante do petroglifo de Abelaire é o seu gran tamaño. O resto de características son moi típicas: grandes laxes de granito fino, que sobresaen pouco, están a media altura (200 mts) e contén formas xeométricas, sobre todo círculos e espirais.
Os petroglifos sitúanse do III ao II milenio antes de Cristo. Isto é despois das mámoas (enterramentos colectivos) e antes das cistas e outros enterramentos individuais aínda que convivíu en parte cos dous tipos de enterramento porque é un momento de transición. Os que fixeron os petroglifos vivían en poboados semi-nómadas, feitos con materiais vexetais así que non hai ruínas pero hai xacementos (cerámica, ferramentas, cereais…) que nos amosan que as aldeas estaban a menos de 500 mts dos petroglifos.
As mámoas están en lugares de maior elevación que os petroglifos. A razón é que antes do terceiro milenio antes de cristo, con ferramentas básicas, os habitantes só son capaces de cultivar terreos de terras lixeiras dos lugares denominados chans (Chan de Arquiña, Chan de Cela, Chan de Armada, Chan de Coiro…). Son solos chans, pouco fértiles que esixen moito barbeito e, consecuentemente, nomadismo.
Co uso do arado poden cultivar terras fondas e húmidas, máis profundas e compactas polo que pasan a vivir en vales. O aumento a produtividade e excedentes permite que algunha xente acumule, e cree símbolos de status. Chega ao mesmo tempo que a transformación dos metais, inicialmente o cobre.
Os petroglifos están xunto ás terras de cultivo de vales medios. As formas xeométricas (circulares e triangulares) son elementos de índole espiritual ou místico. Non están feitos para observar do lonxe (están en pedras planas) pero dende eles obsérvase perfectamente a zona de cultivo. Moi probablemente estaban no límite territorial dunha aldea.
Falamos de cambios na forma de cultivar pero os cambios máis importantes son na estrutura social. Onde mellor se observa é nos petroglifos con figuras zoomórficas (animais), antromórficas (persoas) e instrumentos como no petroglifo de Pinal do REi. No próximo post porei o debuxo do petroglifo de Pinal do Rei, en Monte Carrasco, para ver o significado destas diferencias nas figuras representadas.

Vou recopilando enlaces con fotos da marcha de 2011

Fotos de Patri
Máis fotos de Patri

Fotos de Racso, sempre moi chulas

Fotos do Queimao

Fotos de Abelux

Fotos de “da toxeira”
José Reboredo pegou as fotos nun vídeo

E Roque 142 puxo un vidiaco que te cagas


E este vídeo de VIA TV non ten desperdisio

Este ano quixemos sorprender cunha marcha especial, diferente, que ninguén máis puidese permitirse. Non buscamos as mellores trialeras nin as fragas máis frodosas. Non queríamos subidas largas e esixentes nin vellos carreiros escondidos nos vales do Morrazo. No primeiro memorial xa se organizou unha ruta semellante, pero daquela viñeron dez veces menos ciclistas, nós tiñamos seis veces menos experiencia e o clube sería unhas tres veces máis pequeno. Que bonito! Como crece a nosa afección, como a xente redescubre o monte, como o deporte non é sinónimo de competición, regras e árbitros senón de liberdade, ocio e harmonía co medio.

Decidimos levarvos a Cabo Home para que dar a coñercer este lugar máxico. Aos que coñecedes a zona, queríamos ensinarvos camiños novos, animarvos a un turismo diferente do cochedependente que non sabe agardar para deixar cruzar a deportistas amantes da natureza ocupando a súa sagrada, exclusiva e carísima vía asfaltada. A ruta é aínda máis valiosa para nós, os de Cangas. Cando chova poderemos gozar nos novos camiños que abrimos ou limpamos para ter unha ruta divertida e variada a cabo Home, pronto será un clásico recurrente dos nosos fins de semán.
Cabo home é terra de extremos, de grandes temporais. De cantís onde os percebeiros pelexan coas ondas, cerca dos os surfeiros máis osados. Navegantes e piragüistas. Paseantes e ciclistas, buscadores de setas e fotógrafos, escaladores, buceadores, apaixoados da historia ou dos castros teñen razóns de sobra para visitar Cabo Home en calquera época do ano.

Na entrada está o monte do Facho, co cumiu que descende cunha caída vertical ata o mar. Aquí érguese un incrible castro que domina as Cíes e o atlántico. Hai un altar no que, en épocas prerromanas, traían grandes pedras labradas como ofrenda ao deus Berobreo (mesma orixe que Breogán), deus do Alén, un deus pagán aínda benerado despois, cando Galicia xa era oficialmente cristiana. Chégase aquí en peregrinación a un dos Finisterres galegos. Máis alá só queda o fin do mundo e as misteriosas illas habitadas seres tenebrosos e as almas dos mariñeiros mortos e desaparecidos segundo a lenda celta.

Este que percorremos na marcha é tamén o “camiño dos Mortos”, chamado así porque era por onde se levaban os cadaleitos dende Donón ata Hío cando aínda non había capela no primeiro. Dónn era un deus Irlandés, o deus dos mortos, que xace enterrado nunhas illas eternamente rodeadas de néboa. Os expertos din que é improbable que Donón proveña de aí pero, sería bonito. Mentres as igrexas e capelas do morrazo poñen o seu altar no leste para que os feligreses estean de costas ao Oeste, ao fogar do deus dos mortos, onde o Sol agoniza todas as tardes. Pero nós tornámonos coa nosa teima pagán e adoramos ao deus da morte levando as nosas ofrendas a a Donón, a onde habita o Deus dos mortos.

Percorremos os camiños polos que os carnavais de Hío estoupan cada ano nunha orxía de viño e desvergonza, nun aquelarre inmemorial en que se peregrina entre aldeas revivindo canda ano a festa máis grande e pagán, a festa dos veciños a maior troula que vos podedes imaxinar.
Voltando ao noso tema: sabíamos que sería complicado organizarse na marcha porque se cruzan demasiadas estradas (os camiños estaban antes, debían ter preferencia), porque o sol anima aos visitantes motorizados das nosas saturadas praias e porque e o terreo era rompepernas e ata areoso por momentos. Co que non contábamos era con que aparecesen máis de mil ciclistas e con que a previsión de nubes e claros acabase converténdose nun aterrador sol de verán.

Conseguimos saír (case) puntuais de Cangas para disfrutar dos agradables sendeiros costeros recén ardidos entre rochas ata Liméns. Formáronse un par de embotellamentos cos que non contábamos a pesar de incluir costas para estirar o pelotón, que incluimos na ruta de forma cruel e innecesaria.
Os que controlaron os cruces tiveron que aturar malos modos, berros e inxustificadas queixas. Resulta que señoritos que veñen o fin de semán á Praia ou que montaron segundas e terceiras casas, legal ou ilegalmente, non poden aturar 5 minutos de espera. Eles non saben eventos deportivos na natureza, gratis, non competitivos e abertos a todos. Non señor, dous minutos máis tostándome na praia como un tonto son máis importantes. Resulta que as estradas son intocables se non é para o rei coche.
Pronto nos achegamos ás subidas máis duras. Eses empedrados cara arriba para que vos retorzades e vos desmoralicedes. Nós levábamos entrenando uns meses. Se non vos salíu á primeira repetide, xa veredes o rápido se progresa.
O paso dos quilómetros foi ennegrecendo a nosa caravana multicolor e os ciclistas convértense en sombras sudorosas nunha gran tormenta de area. Pero pronto chegan as vistas do Hío e Ría de Aldán, o bosque na dunas, ass praias de Nerga, Viñó e Melide, as Cíes a tiro de pedra, a vertixinosa costa da vela, os tres faros de cabo Home, a paradisíaca Praia de Melide, o avituallamento xunto ao castro do Facho e a subida deixando atrás a fisterra do Morrazo..
Xa na segunda parte, a distancia de cabeza a cola acercábase ás dúas horas e, áinda así, había problemas de saturación. Tras a baixada, a tranquilísima Praia de Vilariño para ver Aldán dende a parte alta e así, pasar ao Bosque Encantado, e a pelearse coa subida final.
Xa vistes que ao final non foi para tanto. Un par de rampas duras e terreo variado para, finalmente, chegar sen máis a Cangas. A trialera final resultou demasiado danada e perigosa así que tivemos que pechala pronto. Invítovos a probala noutra época.
Os que íamos na cola quedamos cunha sensación de ruta de sufrimento extremo pero bueno, seguro que moito máis adiante pensaron que só era un paseíño. Eu, dende logo, vin caras esbrancuxadas, vómitos, calambres e e pájaras de libro. Hai que regular, alimentarse e beber, pero sobre todo hai que andar en bici.
De volta á civilización, tras a reconciliación co mundo puidemos volver a lambernos as feridas e a soñar con máis mañans de domingo entre mares e montañas.
Gracias pola vosa comprensión e por facernos felices vindo un ano máis.

Por certo: no parte de feridos, nada grave que salientar. Un par de persoas cara Hospital: un golpe importante no peito e unha rapaza cunha boa brecha no brazo. Iso foi moi mala sorte porque ía moi a modo pero caíu mal.

Este venres, como de costume, o tempo ameazaba con rebelarse pero, como sempre, a noite trouxo a calma e temperatura ideal para pedalear.
Xuntámonos cinco dos clásicos das nocturnas. Tamén chegou de Moaña Raiñas39, atraído polos rumores de rutas suaves nocturnas con toque gastronómico e cata controlada. E tamén trouxeron engañado de Vigo a Alberto, prometéndolle un paseíño relaxado para facer un pouco de fame ata a taberna.

Tuchis parece inofensivo con ese falar tranquilo, rodar regular e controlado, pelo blanco e propoñendo animaladas como se falase de dar unha volta polo carril bici.
Saímos cara San Roque e Monte Carrasco quentando motores. Dende o colexio subimos pola parte de atrás. Así as vistas de Aldán xa case a escuras animáronnos na pedregosa subida . Teríamos que saír algún día máis cedo e así deslumbrarnos coa espectacular posta de Sol sobre Ons e a ría de Aldán desta ruta. A mente manda máis que o corpo nas subidas, nótase ben ao subir eses tramos técnicos e duros con máis decisión e confianza que de día, sen entrar con medo nos tramos máis complicados.

Baixamos cara o outro lado e aquí Tuchis decidiu meterse pola parte mala da pista, acabando nunha voltereta, que non fixo que lle volvese o sentido. Dende San Cosme seguimos a pista ata a subida a Hermelo. Non collemos a pista clásica senón uns metros antes, por unha sucesión de camiños técnicos, duros e sucios coa disculpa de acortar: para min os mellores. Alberto xa empezou a velo nejro e aínda non sabía da rampa da pista de Hermelo, a máis dura, a máis difícil, a que pon o corazón a tope e o equilibrio a proba. Aquí presumo eu de que cun pouco de sorte, confianza e unha cuberta nova, subina do tirón.
Non paramos na Cruz por medo a quedar sen comida e fixemos ben. A taberna de arriba estaba pechada pero con luz. Asomámonos con cara de pena e apareceu o chaval invitándonos a pasar e gosar do avituallamento. Repetimos menú con Xarrete e Xamón asado, viño e cervexa, postre e chupitos: con estes régimenes acadaremos á eterna xuventude de corpo e espíritu que nos amosan cada día e cada noite os veteranos.

Saímos animados, envalentonados, sentíndonos indestrutibles e poderosos pero nas rampas que quedaban non se subía con soltura e subíase a comida á boca. Chegamos ó Paralaia e Tuchis propuxo facer historia, ser os primeiros en baixar o Bimbón de noite. Eu non coñecía o Bimbón, esa larguísima trialera de cu-pa-tras con retos en forma rejos, raíces, pedras, laxes, paus, curvas e bikers zapateados.
Xosé amosounos que o de Tuchis non era casulidá, os de Tirán buscan pedras para campanear e baixar a rebolos. Volvín a ver en primeiro plano o voo coa única consecuencia dunha luz extraviada e parón para reparar. Disfrutamos ou sufrimos o resto do Bimbón, para algún foi todo un re-descubrimento.

Tras o subidón (de adrenalina) xa tiramos por San Martiño e os Remedios. Non lle perdonamos nin o río dende A Rúa para acabar coa entrada triunfal no Ambigú. Cubatita e todos pa casa, bueno case todos. Eu marchei ás 4…. para ducharme e volver a saír. E diredes, que fai este individuo escribindo a estas horas? O Bimbón deixoume sen pastillas de freno e claro…. houbo visita a Diego, que o domingo hai que estar para dalo todo outra ves.

Este venres 6 de Maio, sen a luz tene e romántica da lúa, sairemos de Cangas ás 21.30 para unha nova convocatoria de marcha nocturna.

Subidas duras no lusco e fusco, papatoria nas tabernas ou furanchos de terras de Hermelo e descensos por camiños coñecidos seguirán a distinguir esta cita, que seguiremos facendo dúas veces ao mes mentres o tempo acompañe.

Para as baixadas escuras e traizoeiras, unha oración que nos protexa.
Hermelo nuestro que estás en el cielo
santificada sea tu taberna
venga a nosotros tu vino;
hágase tu camino tanto por pista como sendero
Danos hoy nuestro pan de cada día; (e aljo máis se pode ser)
perdona nuestras mañanas de domingo,
como también nosotros perdonamos a los que van por carretera;
no nos dejes caer en el socavón, y líbranos del can

amén