Seica a o Morrazo estivo ateigada de castiñeiros ata que no século pasado, a tinta, levounos todos por diante. Só a plantación de exemplares híbridos, medio xaponeses, disque os protexe nas zonas máis baixas, libres de xiadas. A enfermidade prudúcea un fungo, igual ca noutras doenzas de vexetais que levaron moita fame polo mundo, boa parte delas pódense combater tamén con fungos.

Un vello no Courel contoume que as vermellas son as mellores, sobre todo para asar pero que as brancas secan mellor e así duran todo o ano. As presas sempre se botaron aos porcos pero como son máis grandes e bonitas, son as que máis se venden nas froiterías. Recórdame o triunfo da pera conferencia, que se conserva mellor que a limonera, da que me enchía de pequeno, embriagado pola súa dozura apañándoa da árbore que presidía o eido de meus avós, en Gruncheiras.

Non é unha excepción, a maioría da comida que mercamos é a dos porcos. Cultívanse híbridos resultantes de manipulacións xenéticas que dan froitos regulares e doados de conservar, perfectos se importa só a cantidade, non a calidade. Os resultados son froitos grandes e desaboridos, sen marcas nin deformidades, tan homoxéneas que semellas saídas dunha fábrica.

É tradición comer castañas con ese viño ácedo, case non fermentado na festa que se fai arredor da igrexa máis antiga no Morrazo, o San Martiño. O porco é tamén estrela desta troula desmedida. Chega xente de toda a comarca. Mantense a tradición de que o momento máis grande é a mediodía, que en poucas romarías máis se conserva no Morrazo. Recordo que comer á rastrela, cargando con olas e fontes durante kilómetros era o máis grande da Festa de Hermelo, ese sí, o emprazamento máis antergo dunha igrexa cristiana no Morrazo. O plan era comer tumbado no monte, baixo os carballos, e rodeado de xente cantarina e trouleira.

moana-iniciaUnha foto dun furancho, do Faro de Vigo. en primeiro plano unha clase práctica de agharre de tasa de viño.

Agora esas carballeiras están cheas de silvas, as de San Martiño deberon desaparecer, aínda que alí non ía de pequeno. Dame a sensación de que antes a xente bebía para aproveitar o momento, envalentonarse, enbravecerse e arreglar os problemas e os negocios nas poucas horas que duraba a festa, a berros, a hostias ou polas malas.

Seica neste último San Martiño apareceron inspectores de sanidade polos furanchos. Nalgún deles largáronos a castañazos do local, non me sorprende que usasen castañas, seguramente eran das compradas, das presas, que coa comida non se xoga, perfectas para os porcos. Andaban camareiros a escapar correndo polas veighas, e os inspectores dirían na oficina ao día seguinte: “unos salvajes, que gente tan incivilizada!”. Nos furanchos non hai contratos, hai palabra, e vanche pagar ben se a cousa vai como ten que ir e non eres un lacazán. Serán tres días de choio esgotador, o tipo de traballo do que os inspectores quixeron fuxir cando prepararon a oposición. Igual o ano próximo veñen de sanidade, e determinan que todo isto é insalobre, non sei como a xente segue viva, celebrándose tal salvaxada dende o século XII. Terán que ir á asesoría para ter os papeles en regra, pagar un mensaxeiro, os dereitos de formación (para que os sindicatos a organicen), a seguridade social e o salario dos políticos que presiden a misa solemne.

1450352_10202558037054885_864763428_nQueimada en San Martiño

Iso trouxo a modernidade a San Martiño, castañas presas, vagos que se creen moi listos, e asesorías para sacarche os cartos. Seica é vo para a economía, que se moven máis sectores, máis interrelación e máis comunicación. Se houbese menos parásitos vivindo dos que realmente producen, ighual viviríamos mellor traballando un pouquiño menos.

Tiña un pouco abandoado o tema da historia pero ás veces haiche cousas que che chaman a atención e faste preguntas, e resulta que haiche algunhas respostas por aí.
Os tolos do mtb soemos meternos polo Liboreiro arriba, onde seica hai algún castro, aínda que ninguén me supo dicir aínda onde exactamente.
Moitas veces acabas no polígono de Castiñeiras, entrando por onde está o puto limpo abandoado (abandoado polos que levan a merda, non polos que a deixan).
Por pouco que te fixes chama a atención unha gran laxe á beira do camiño e algunhas espirais gravadas e ben visibles. Un enorme petroglifo, o máis grande de todo o Morrazo, xace aquí abandoado entre un camiño onde se verte escombro, o punto limpo, a compactadora de basuras e a peor das basuras: a vía rápida.
Bueno, aquí tedes unha reprodución do dito petroglifo, saqueino de Arte rupestre no eixo atlántico de varios autores, 2005, editado polo Eixo Atlántico.

O petroglifo en cuestión non é nada orixinal, e por iso precisamente é moi boa mostra das características e significado que teñen esta especie de altares. O único rechamante do petroglifo de Abelaire é o seu gran tamaño. O resto de características son moi típicas: grandes laxes de granito fino, que sobresaen pouco, están a media altura (200 mts) e contén formas xeométricas, sobre todo círculos e espirais.
Os petroglifos sitúanse do III ao II milenio antes de Cristo. Isto é despois das mámoas (enterramentos colectivos) e antes das cistas e outros enterramentos individuais aínda que convivíu en parte cos dous tipos de enterramento porque é un momento de transición. Os que fixeron os petroglifos vivían en poboados semi-nómadas, feitos con materiais vexetais así que non hai ruínas pero hai xacementos (cerámica, ferramentas, cereais…) que nos amosan que as aldeas estaban a menos de 500 mts dos petroglifos.
As mámoas están en lugares de maior elevación que os petroglifos. A razón é que antes do terceiro milenio antes de cristo, con ferramentas básicas, os habitantes só son capaces de cultivar terreos de terras lixeiras dos lugares denominados chans (Chan de Arquiña, Chan de Cela, Chan de Armada, Chan de Coiro…). Son solos chans, pouco fértiles que esixen moito barbeito e, consecuentemente, nomadismo.
Co uso do arado poden cultivar terras fondas e húmidas, máis profundas e compactas polo que pasan a vivir en vales. O aumento a produtividade e excedentes permite que algunha xente acumule, e cree símbolos de status. Chega ao mesmo tempo que a transformación dos metais, inicialmente o cobre.
Os petroglifos están xunto ás terras de cultivo de vales medios. As formas xeométricas (circulares e triangulares) son elementos de índole espiritual ou místico. Non están feitos para observar do lonxe (están en pedras planas) pero dende eles obsérvase perfectamente a zona de cultivo. Moi probablemente estaban no límite territorial dunha aldea.
Falamos de cambios na forma de cultivar pero os cambios máis importantes son na estrutura social. Onde mellor se observa é nos petroglifos con figuras zoomórficas (animais), antromórficas (persoas) e instrumentos como no petroglifo de Pinal do REi. No próximo post porei o debuxo do petroglifo de Pinal do Rei, en Monte Carrasco, para ver o significado destas diferencias nas figuras representadas.

O primeiro centro de poder político que unificaba ao Morrazo como unidade administrativa data do século VI, cando baixo o dominio dos Suevos se estrutura o territorio en Parrochiali Suevorum, as parroquias.
A primeira parroquia tiña unha extensión moito máis ampla que as actuais ao situar o seu poder en Hermelo un mosteiro con poder sobre o os habitantes da maioría do, quenes lle debían pagar tributos. Os mosteiros eran cos suevos centros políticos, económicos e espirituais: como poder político terían máis adiante a competencia da nobleza, que na súa maior parte non saíu ben parada das revoltas irmandiñas (S XV).
A parroquia de Hermelo acábase dividindo e créanse as parroquias de Darbo e San Martiño, que dominan dous dos vales máis fértiles do Morrazo, dividindo o territorio en zonas que se corresponderían, xa na idade media, cos dominios dos Castelos de Darbo e Meira. Destruidos no século XV durante a revolta irmandiña.
Máis aló da precisión dalgúns dos datos que veño de expór gustaríame reflexionar sobre o carácter eminentemente agrario, e non mariñeiro, que a sociedade tiña entón no Morrazo.
P1000835
A miña propia familia, totalmente vencellada ao mar ata o de agora, provén na súa maioría do Val de Ameixoda, espazo claramente dominado pola igrexa máis antiga do Morrazo, a de San Martiño.
Podémonos imaxinar que ata o auxe da salgazón non era unha vantaxe vivir ao carón do mar, en terreos rochosos ou ben areaosos e inundables. Os vales cara o interior, nas linguas de terra que comezan nas praias e suben entre montes rochosos serían os lugares predilectos a menos que as prioridades na escolla fosen de tipo defensivo.
Así que teremos que ir cara ou interior na busca das orixes dos acontecementos históricos que han ir construíndo as formas esa cultura que, misturada coa modernidade, deixa pegadas na forma moderna de ser e pensar no Morrazo.