O sábado tiñamos unha débeda pendente coa Fonsagrada. Faltábanos a gran ruta, perdernos no monte todo o día, tostarnos co sol, que os pés nos doesen, malcomer á sombra dun carballo, mollar os pés no río, preguntarnos se a ruta non se acabaría nunca, maldecir o camiño cheo de pedras, cambiar de ladeira a pé, ver algún bichiño. Faltábanos meternos ata o fondo no monte.

O debate é estéril, non nos poñemos de acordo. Un camiño parece corto, o outro previsible, este é unha animalada. Pero Manuela aconsella e dá solución: lévovos eu de volta a buscar o coche. Non esquezades visitar antes a ponte Boabdil e Riodeporcos, onda o encoro de Salime. O primeiro que pensamos é que se os sitios teñen tanta personalidá como os nomes, íamos a ter que prepararnos para algo ben curioso.O desayuno no camping foi tan suculento como a cea así que nos demoramos coas vistas e, adiante.

Perdémonos por terceiro día consecutivo buscando na Fonsagrada. Só nos convenceron uns 10 quilómetros de pistas estreitas e reviradas subindo polas ladeiras máis escarpadas da Fonsagrada. En Estoupelos unha señora dende un balcón indícanos con xestos que ela non sabe nada. Un home vello e moreno, sen dentes nin unha man fálanos con acento portugués sen moito sentido. Un chaval por fin se ri de nós: pero mimá! como non vistes o desvío en Naraxa! O nome desta aldea aparecéuseno en lugares inesperados, Naraxa sempre nos acompañou cando nos perdemos (nas estradas, na troula da noite…)

Por fin chegamos, na Fornaza. Hai unha capela con vistas sobre un fondo canón do río Navia. Aquí comeza a ruta pero antes baixamos a Ríodeporcos. É unha aldea, xa en Asturias, que ten de acceso principal unha estreita ponte colgante. Aquí a auga está mansa e fonda no encoro de Salime e os pescadores son indiferentes á nosa fascinación pola aldea semi-aillada.

Deixamos o coche e comeza a andaina. A pista pizarrenta descende ata o río Navia. O abrupto canón resulta moi curioso polo seu aspecto seco, é un bosque mediterráneo. Hérbedos, piñeiros, cerdeiras e avellanos nun chan pedrento e polvoriente, moi abrupto e cheo de uces e xestas.
Ao seguir subino polo Suarna chegamos á Ferrería. En Cangas entendemos o cariño a antiga fábrica, orgullo e recordo, lugar de historias nun lugar que foi vangarda de modernidade en tempos non tan atrás. Esta fábrica de clavos para os asteleiros de Ferrol fíxome pensar no noso Massó, exemplo de conserveiras en todo o mundo. Tamén está xunto á auga, é unha impresionante e bela arquitectura industrial. Aquí foi a nosa parada para remollarse e tumbarse á sombra de enormes cerdeiras, a máis grandes e vellas que vin na vida.

A pista segue pegada ao río invisible entre bidueiros e ameneiros no fondo do val, e vaise quedando en carreiro que se sumerxe na fraga da ribeira nun ambiente cada vez máis húmido e escuro.
Chegamos á nosa hora á praia da Pena do inferno, onde unhas cervexas déronnos a vida neste longo día de sol. Coñecemos un par veciños que prometeron diversión á noite, na cuarta vez que nos perderíamos en Naraxa.

Chega a noite, tomamos posicións nos bochinches, cervexas en man e….. adiante. En 15 minutos está lista a paella xigante. Viño, arrós, pan e postre. Todo jratis e máis xente da que collería en dez aldeas coma esa. Xosé o acordeonista é un chaval tímido ao falar pero válese el só para tocar valses, cumbias, pasodobles, jotas e sabediosque. Ala, a bailar. Ajarra a esta por aquí e por alá e a mover o cú. Veña eses cubatas que quedamos secos! Estes de Naraxa son a ostia: decorasións de colores ata na palmera e un neón cunha laranxa: non ten nada que ver pero a coña é a coña. Antorchas, bandeiras e vellos de troula….FESTA.