Tiña un pouco abandoado o tema da historia pero ás veces haiche cousas que che chaman a atención e faste preguntas, e resulta que haiche algunhas respostas por aí.
Os tolos do mtb soemos meternos polo Liboreiro arriba, onde seica hai algún castro, aínda que ninguén me supo dicir aínda onde exactamente.
Moitas veces acabas no polígono de Castiñeiras, entrando por onde está o puto limpo abandoado (abandoado polos que levan a merda, non polos que a deixan).
Por pouco que te fixes chama a atención unha gran laxe á beira do camiño e algunhas espirais gravadas e ben visibles. Un enorme petroglifo, o máis grande de todo o Morrazo, xace aquí abandoado entre un camiño onde se verte escombro, o punto limpo, a compactadora de basuras e a peor das basuras: a vía rápida.
Bueno, aquí tedes unha reprodución do dito petroglifo, saqueino de Arte rupestre no eixo atlántico de varios autores, 2005, editado polo Eixo Atlántico.

O petroglifo en cuestión non é nada orixinal, e por iso precisamente é moi boa mostra das características e significado que teñen esta especie de altares. O único rechamante do petroglifo de Abelaire é o seu gran tamaño. O resto de características son moi típicas: grandes laxes de granito fino, que sobresaen pouco, están a media altura (200 mts) e contén formas xeométricas, sobre todo círculos e espirais.
Os petroglifos sitúanse do III ao II milenio antes de Cristo. Isto é despois das mámoas (enterramentos colectivos) e antes das cistas e outros enterramentos individuais aínda que convivíu en parte cos dous tipos de enterramento porque é un momento de transición. Os que fixeron os petroglifos vivían en poboados semi-nómadas, feitos con materiais vexetais así que non hai ruínas pero hai xacementos (cerámica, ferramentas, cereais…) que nos amosan que as aldeas estaban a menos de 500 mts dos petroglifos.
As mámoas están en lugares de maior elevación que os petroglifos. A razón é que antes do terceiro milenio antes de cristo, con ferramentas básicas, os habitantes só son capaces de cultivar terreos de terras lixeiras dos lugares denominados chans (Chan de Arquiña, Chan de Cela, Chan de Armada, Chan de Coiro…). Son solos chans, pouco fértiles que esixen moito barbeito e, consecuentemente, nomadismo.
Co uso do arado poden cultivar terras fondas e húmidas, máis profundas e compactas polo que pasan a vivir en vales. O aumento a produtividade e excedentes permite que algunha xente acumule, e cree símbolos de status. Chega ao mesmo tempo que a transformación dos metais, inicialmente o cobre.
Os petroglifos están xunto ás terras de cultivo de vales medios. As formas xeométricas (circulares e triangulares) son elementos de índole espiritual ou místico. Non están feitos para observar do lonxe (están en pedras planas) pero dende eles obsérvase perfectamente a zona de cultivo. Moi probablemente estaban no límite territorial dunha aldea.
Falamos de cambios na forma de cultivar pero os cambios máis importantes son na estrutura social. Onde mellor se observa é nos petroglifos con figuras zoomórficas (animais), antromórficas (persoas) e instrumentos como no petroglifo de Pinal do REi. No próximo post porei o debuxo do petroglifo de Pinal do Rei, en Monte Carrasco, para ver o significado destas diferencias nas figuras representadas.